ponteareas

O PP de Ponteareas asegura que o Goberno obstaculiza o traballo da oposición

O Partido Popular de Ponteareas asegurou hoxe que o Goberno local non está pola labor de facilitar a información que precisan os grupos da oposición, sobre os datos "das diferentes contratacións externas que se veñen efectuando no concello e que, ata o de agora, non existían". A negativa do grupo de Goberno, segundo os populares ponteareáns, amosa "a falta de transparencia" do actual executivo.

Desminte o Grupo Municipal Popular as argumentacións do Grupo de Goberno no sentido de que, con esa petición, "estáse a entorpecer o traballo dos funcionarios e funcionarias" xa que lembra a concelleira Belén Villar, "os datos que se solicitan saen directamente da contabilidade sen necesidade de facer ningún tipo de informe técnico, e calquera traballador do departamento da intervención podería imprimir os mesmos en poucos minutos" polo que, engade a edil popular, "o que non hai é vontade de facilitar dita información aos concelleiros da oposición".

Co voto en contra desta iniciativa, afirma o Grupo Popular, queda en evidencia "que están lonxe de ser transparentes" xa que dita transparencia, engaden, debería pasar "por ofrecer a información é que os grupos que están na oposición poidan facer o seu traballo de control e fiscalización, tal e como fixa a Lei".

A comisión de seguimento, cuxa constitución foi aprobada polos grupos da oposición (PP, ACIP e EU) terá que ser convocada pola Alcadía nun prazo de quince días e, na reunión da mesma, deberán ser facilitados a todos os grupos da oposición "datos das empresas coas que están contratando servizos que antes non existían, como elaboración de estudos, plans de dinamización comercial, asesoramento xurídico-administrativo, mantemento eléctrico, desbroces, mantemento de colexios, limpeza, programación cultural, parques e o mantemento das estradas da rede viaria municipal, entre outros".

A Comisión decidirá "se esta é a mellor xestión para o noso Concello e tamén se estes contratos se están facendo correctamente e cumpren coa publicidade necesaria para que oferte calquera empresa", conclúe o PP.