ponteareas

Ríada do Tea aposta pola posta en valor do rural e protección dos montes

Manuel Troncoso, concelleiro de a Riada do Tea, co alcalde, Xosé Represas e a tenente de alcalde, María Jesús Garrote Manuel Troncoso, concelleiro de a Riada do Tea, co alcalde, Xosé Represas e a tenente de alcalde, María Jesús Garrote

A Riada do Tea está a manter reunións coas Comunidades de Montes de cara a elaborar medidas de protección que eviten a lacra dos incendios forestais dado que “dende a Xunta non se abordan plans de prevención senón só de extinción”, sinala ARDT. Doutra banda buscan, dende a súa área de responsabilidade no Concello, a posta en valor do rural ponteareán.

Dende a súa entrada na Corporación Municipal de Ponteareas e logo ao grupo de goberno, a Riada do Tea defendeu sempre a creación dunha concellería de Medio Rural, dado que, segundo sinalaron “Ponteareas non é soamente o casco urbano, senón tamén as 23 parroquias que o rodean”.

A intención do concelleiro de ARDT, Manuel Troncoso, e do equipo que traballa ao seu carón, é dar solución ás diferentes carencias do medio rural ponteareán, “dotalo de servizos para ofrecerlle oportunidades aos veciños e veciñas e frear o seu despoboamento”.

Nesa liña, asegura a Riada do Tea, se está a traballar na creación dun Plan de Desenvolvemento Rural e para avanzar nese eido, se comezarán a manter reunións con colectivos veciñais, culturais ou cooperativas que estean situadas nas parroquias, para explicarlles o proxecto e escoitar as súas suxestións.

Protección dos montes
Pero, como moitas veces acontece, o máis urxente imponse ao importante e o urxente nestes momentos, é a protección dos nosos montes. Dada á época na que andamos, na que están sendo castigados, un ano máis, polos incendios forestais, ARDT comezou xa a contactar coas Comunidades de montes de cara a estudar medidas que permitan protexer a masa forestal “que é o auténtico pulmon verde dos municipios, xa que a Xunta non contempla medidas de prevención, senón tan só de extición”, asegura a Riada do Tea.

Nese sentido, xa se mantivo en días pasados unha reunión coa CMVMC de Xinzo e, nas vindeiras semanas, irá contactando coas demais. A intención da Riada é escoitar as propostas “que as 25 CMVMC teñen sobre a mesa e promover, dende o concello, plans de actuación conxunta”.

A Riada do Tea ten a intención de “optimizar o tempo” dado que estamos, afirman, “en plena campaña de risco de incendios forestais”. Dada esa urxencia, aseguran que é necesario tratar este e outros asuntos “nunha asemblea conxunta e aberta de todas as Comunidades de Montes Veciñais de Man Común á maior brevidade posible”.

1 comentario