Mondariz ‘sitúase’ no mapa turístico galego coa Guía do patrimonio natural e cultural

De esquerda a dereita, Xosé Leal, deputado de Cultura da Deputación de Pontevedra; Xoán Carlos Montes Bugarín, alcalde de Mondariz e a primeira tenente de alcalde, Mónica Peralba De esquerda a dereita, Xosé Leal, deputado de Cultura da Deputación de Pontevedra; Xoán Carlos Montes Bugarín, alcalde de Mondariz e a primeira tenente de alcalde, Mónica Peralba

O Concello de Mondariz presentou, na mañá de hoxe, a súa Guía do patrimonio natural e cultural, 'Mondariz, auga de amores' coa que se quere poñer en valor todo o patrimonio que o municipio posúe e que é “un primeiro paso para poñernos no mapa turístico da provincia e do País”, afirmou o alcalde de Mondariz, Xoán Carlos Montes Bugarín que, na presentación, estaba acompañado polo delegado de Cultura da Deputación de Pontevedra, Xosé Leal, e a tenente de alcalde, Mónica Peralba.

'Mondariz, auga de amores' os aspectos máis importantes de todas as parroquias do municipio “poñendo en valor aqueles catro ou cinco aspectos máis salientables, que teñen valor tanto para a veciñanza da parroquia como para os visitantes”, sinalaba o alcalde Xoán Carlos Montes que agradecía ao deputado Xosé Leal, o apoio prestado pola Deputación “dándonos as ferramentas precisas que nos permitan amosar a importancia do noso patrimonio cultural, patrimonial ou natural”.

A guía, impresa en galego xa, en palabras do alcalde, “o primeiro turista ao que temos que atraer é ao máis próximo”, conta cun código QR do que se poden descargar as versións en castelán e inglés. Para unha maior facilidade de uso, todos e cada un dos elementos que figuran na guía, están xeoreferenciados, de xeito que dende calquera dispositivo móbil se pode chegar ao punto desexado, no que é supón un interesante exemplo de utilizar as novas tecnoloxías.

Destacaba o alcalde o feito de que na publicación que hoxe se presentaba, figuraba tamén un completo listado do comercio local e hostalería xa que, afirmaba “entendemos que Mondariz ten que ir da man do comercio e do turismo, que son dúas potencialidades que ten o municipio e son unha forte aposta que, dende o Goberno, imos facer durante este mandato”.

Xosé Leal, deputado provincial de Cultura, puña o punto de atención sobre o feito de que esta guía, se levara a cabo dende as axudas á dinamización do galego e matizaba que esa “era a transversalidade que se buscaba dende a Deputación en canto á lingua”, é dicir, que sexan varias as áreas que contribúan a potenciación da nosa lingua “no só no caso dos temas culturais, senón tamén dende o propio turismo”. Nese sentido Leal destacaba que a posta en valor da cultura dos concellos da provincia “non pasa só por facer obras ─que si son importantes─ senón tamén por traballar na transversalidade que permita a potenciación do galego”.

Segundo Leal, ese é o traballo que se lle pide á Deputación de Pontevedra “que sexa colaborador dos concellos e que lles permita potenciar aspectos como o patrimonio e a lingua que é o patrimonio que temos todos os galegos e galegas”.

Rematou o deputado de Cultura incidindo sobre o feito de que o pasado ano “foi a primeira vez en que se sacaron axudas específicas para dinamización lingüística dos concellos” porque, afirmou “queremos que o galego sexa o elemento vehicular da maior parte da poboación” e as medidas que se adopten dende a Deputación de Pontevedra, “sexan un apoio para os concellos que xa traballaban nesa liña, e un acicate para o fomento da lingua para os que non o facían”.

Nese sentido, a tenente de alcalde, Mónica Peralba, agradecía ao deputado Xosé Leal a posta en marcha de “liñas de dinamización lingüística abertas” o que, ao entender da concelleira, “permitiunos desenvolver actuacións como esta”.