Salceda de Caselas

Salceda asina o Crédito para o pago do Parque Raíña Aragonta

Cristian Maldonado, representante de BBVA coas institucións públicas e Marcos Besada, alcalde de Salceda, asinaron hoxe na Casa do Concello, a operación de crédito a longo prazo destinada ao pago dos terreos expropiados para a construcción do Parque Raíña Aragonta. Previsiblemente os propietarios poderán cobrar xa a partir do 1 de agosto. A sinatura, explicaba o alcalde Marcos Besada, é mostra "de que este Goberno cumpre cos seus compromisos, e así o imos facer tamén cos expropiados do Raíña Aragonta que, dunha vez por todas, poderán cobrar o que se lles adebeda".

O crédito terá unha duración de 20 anos, e foi adxudicado á entidade BBVA, que presentou a mellor oferta: euribor a 3 meses e 1,09% de intereses. No ano 2005, coa expropiación dos terreos para o Parque Raíña Aragonta, sete propietarios non aceptaron os 24,04 €/m2 que lles ofreceu o Concello e recurriron ao xustiprezo, que lles recoñeceu 201,06 €/m2, ratificado despois polo TSX de Galicia no ano 2013.

Dende aquela, o novo Goberno do Concello leva afrontado xa o pago de 454.203,98 €. As últimas sentenzas do TSX obrigan ao Concello a facer pagos en curtos períodos de tempo, o que pon en perigo a estabilidade orzamentaria do Concello, podendo causarlle serias dificultades á hora de manter servizos básicos para a cidadanía, polo que no pasado mes de marzo o Pleno do Concello aprobou a solicitude deste préstamo de 789.723,63 €, que permitirá que dunha vez por todas os/as propietarios/as poidan cobrar o que se lles debe, unha vez que os datos económicos do Concello permitiron por vez primeira realizar esta operación.