Deputación acometerá a mellora do cruce da Lomba en Budiño

O Salón de Plenos do Concello de Salceda de Caselas serviu esta mañá de escenario para as sinaturas das actas de expropiación, por parte da Deputación de Pontevedra, dos terreos precisos para o proxecto de mellora da seguridade viaria na EP-2503, no coñecido como “Cruce da Lomba”, na parroquia de Budiño.Un acto co que, segundo sinalaba o alcalde de Salceda de Caselas, Marcos Besada, "a Deputación cumpre o compromiso adquirido con este concello e, por fin, vaise solucionar un problema histórico na parroquia de Budiño".

A actual intersección trátase dun punto negro, debido fundamentalmente á baixa visibilidade, que agora vai ver solucionado este problema. No transcurso do ano 2016 tras varias reunións técnicas entre a Deputación de Pontevedra e o Concello de Salceda de Caselas, estableceuse a conveniencia de mellorar dita intersección.

O proxecto incorpora a ampliación do radio de curvatura da estrada principal, así como o ancheamento do propio cruce na súa marxe oeste, para o cal se realiza a ocupación de nove parcelas privadas. O orzamento da obra ascende a un total de 115.745,01€, que correrán a cargo da Deputación Provincial de Pontevedra.

O Concello de Salceda de Caselas manifestou a súa satisfacción pola próxima realización desta obra, que solucionará un dos puntos negros máis importantes do municipio, no que se levan producido diversos accidentes, e que o Concello tiña trasladado en reiteradas ocasións á Deputación de Pontevedra, propietaria da estrada principal do cruce.

Marcos Besada quixo agradecer "a boa predisposición dos propietarios/as afectados/as para conseguir levar o proxecto a cabo coa maior celeridade”.