Salceda de Caselas

O PSOE de Salceda denuncia a "falta de xestion" do Goberno local

Gela Ledo e Verónica Tourón, concelleiras do PSOE en Salceda de Caselas Gela Ledo e Verónica Tourón, concelleiras do PSOE en Salceda de Caselas

As concelleiras socialistas do Concello de Salceda de Caselas, Verónica Tourón e Gela Ledo aseguraron hoxe que, logo de case que dous anos da terceira lexislatura do actual rexedor municipal "os problemas máis importantes do concello de Salceda continúan sen resolver" e pon como exemplo a constitución dunha comisión para a mellora do carril bici que leva varios plenos solicitando o grupo socialista, mentres, aseguran "continúa a perigosidade e os ciclistas descenden cara Santa María pola propia estrada”, afirma Gela Ledo.

Pola súa banda, Verónica Tourón, incide en que a falta de xestión mírase en temas como que “o novo centro de saúde segue sen converterse nunha realidade e a accesibilidade do actual centro continúa sen solucionarse", a pesares de que por dous anos consecutivos "o noso grupo pediu que se utilizase o Plan Concellos da Deputación para reparar esta situación".

Outros exemplos son, para as concelleiras socialistas "a ordenación do Polígono Industrial do Cerquido", unha oportunidade histórica para Salceda. Segundo a voceira socialista o seu grupo puxo encima da mesa "unha alternativa seria e de total apoio a ordenación do Cerquido, sen movementos que fomentasen a especulación" ou a pasividade no tema do pago dos expropiados do Raíña Aragonta.  “No pasado pleno, preguntamos sobre este tema e solicitamos que se nos convocase a unha reunión informativa con tempo suficiente para estudar as condicións do crédito e a situación económica na que queda o concello, unha vez máis temos a convocatoria para a comisión sen ningunha información previa e enterándonos polos propios veciños de que vai celebrarse o pleno”.

Por último, Verónica Tourón denuncia o mantemento das vías, sendas municipais ou camiños "que están en total estado de abandono, ou o tema de correos que os socialistas demandamos nun pleno fai máis dun ano".

Critica que, mentres, o alcalde de Salceda "viaxe a Bruxelas a lucirse ou a Bos Aires, como volta a facer nos próximos meses, para participar nos actos de celebración do centenario da “Casa de Tui”, un convite que a concelleira socialista asegura que ela mesma declinou “entendo que non hai nada que motive que membros da corporación viaxemos a Bos Aires a unha celebración allea ó noso concello e moito menos co diñeiro dos veciños e veciñas”.