Porriño 2017

Os pacientes do Centro de Saúde do Porriño expostos a un golpe de calor

Os pacientes que onte xoves, 13 de xullo, acudiron ao Centro de Saúde do Porriño, tiveron que soportar temperaturas de preto de 35 graos nas salas de espera e ao redor de 31 graos nalgunhas consultas ao quedarse a instalación sanitaria sen sistema de climatización.

Non deixa de ser curioso o feito de que o pasado 20 de xuño a Xerencia da Área Sanitaria de Vigo anunciaba que viña de dotar ao Centro de Saúde do Porriño dun sistema de climatización que, subliñaba, “daba resposta ás demandas de profesionais e usuarios, que nos meses de verán tiñan que soportar altas temperaturas, dadas as especiais características arquitectónicas deste edificio sanitario".

A realidade, como ben puideron comprobar estes días usuarios e profesionais do Centro de Saúde porriñés é que o sistema de climatización non funciona polo que foi preciso recuperar para as consultas, os antigos aparellos de refrixeración, cousa que non se puido facer para as salas de espera nas que os pacientes estiveron expostos a un golpe de calor, tendo en conta que son moitos os maiores, nenos e nenas que utilizan dita instalación sanitaria.

Curiosamente, o propio Servizo de Saúde xa recoñecera, no seu momento, que os vellos equipos que teñen que ser recuperados agora para as consultas, “resultaran insuficientes" cando se colocaran dado que este inmoble, completamente acristalado, está moi exposto á luz solar, absorbendo e condensando o calor.

Hoxe venres a situación era peor xa que os termómetros acadaban no Porriño os 34 graos o que facía insoportable a estancia nas salas de espera que non posúen, nin tan sequera, ventiladores que fagan menos penosa a espera.

O centro de saúde do Porriño atendeu, só nos seis primeiros meses deste ano, a máis de 100.000 persoas, veciñas do Porriño, de Salceda e de Mos que, segundo sinala o concello Porriñés “parecen non importar ao conselleiro de Sanidade que, maila ás promesas do Goberno de Galicia e do seu partido, segue sen querer afrontar as gravísimas deficiencias deste inmoble” que, sinala o Goberno local “non cumpre xa as condicións básicas para tratar aos enfermos”.