Porriño 2017

A alcaldesa do Porriño cualifica de "ridículas" as acusacións do PP sobre convocatorias plenarias

A alcaldesa do Porriño, Eva García de la Torre, asegurou hoxe que as acusacións do Partido Popular sobre o incumprimento da legalidade ao non convocar as sesións plenarias, "son ridículas" e lembra que "o anterior alcalde, do Partido Popular, dacordo con Manuel Alejandro Lorenzo, actual presidente do PP do Porriño, negouse a convocar un so Pleno do Concello en 8 meses para non ter que enfrontarse aos Afectados polas Preferentes".

Para García de la Torre, as acusacións populares "son aínda máis ridículas" ao considerar que votaron en contra de que houbese plenos todos os meses, como propuxo o actual Goberno local, "co argumento de que facer plenos mensuais era innecesario e 'moi caro' para o Concello" afirma a rexedora municipal. A alcaldesa do Porriño non pode ocultar a súa indignación ao afirmar que "o feito de que o PP, precisamente o PP, afirme, ademais, que este goberno 'incumpre a legalidade' e que practica a opacidade na súa xestión, da vergonza allea".

Polo que atangue á mencionada 'opacidade', a alcaldesa lembra que compareceu nas ocasións que así solicitaron os grupos da oposición, "maila a que non ten obriga legal de o facer". Doutra banda Eva García de la Torre tamén quere subliñar que dende o Goberno local se está a facilitar, "coas limitacións de tempo e persoal", todo informe ou documentación solicitados polos grupos municipais "e faise un esforzo considerable por dar resposta, no menor tempo posible, as preguntas de cada un dos grupos ou, máis recentemente, que se puxo en funcionamento no Salón de Plenos un sistema audiovisual que non so cumpre coa petición feita de que existan 'vídeo actas' gravadas dos Plenos, senón que permite que calquera cidadán poida seguir, en directo, dende o seu ordenador, a súa tableta ao o seu teléfono móbil, estea onde estea, as xuntanzas da Corporación".

García de la Torre conclúe afirmando que o que acontece "é que o PP do Porriño leva dous anos durmindo e despertouse nunha realidade que non entende".