Porriño 2017

Yolanda Castaño, converte a poesía en espectáculo audiovisual

Yolanda Castaño, sen dúbida un dos rostros máis coñecidos da poesía galega, trouxo este martes o seu novo espectáculo audiovisual á Biblioteca Municipal do Porriño. Castaño, que foi recibida pola alcaldesa, Eva García de la Torre, amosou o seu espectáculo, que abrangue un xeito máis moderno e fresco de comunicar os seus versos, facendo que o público dialogue coa linguaxe audiovisual e as novas tecnoloxías.

Os asistentes, alumnas e alumnos do IES Pino Manso, puideron participar desta moderna posta en escena, capaz de conectar mesmo con públicos pouco versados no xénero poético, a través dun recitado de textos acompañado pola proxección de breves videopoemas e bases musicais.

Yolanda Castaño é unha das poetisas actuais en galego máis relevantes: máis de vinte anos publicando, e recibindo premios como o Fermín Bouza Brey, o Johán Carballeira de Poesía, o Premio da Crítica, ou o Premio Fundación NovaCaixaGalicia de Poesía.

Presentadora de televisión, crítica literaria en distintos medios, polifacética e multidisciplinar, e comprometida coa dinamización cultural que a levou a pór en práctica distintos proxectos innovadores ao redor da poesía e a expresión artística.

A actividade, organizada dentro do programa ‘Ler Conta Moito’ da Xunta de Galicia, forma parte das impulsadas pola Biblioteca Municipal e está dirixida principalmente á mocidade, idealmente para nenos e nenas de 4 a 14 anos.