O Porriño pon en marcha o programa 'Le ao teu bebé'

A Biblioteca Municipal do Porriño, dependente da Alcaldía, vén de poñer en marcha o programa permanente de alfabetización temperaá 'Le ao teu bebé', unha iniciativa que ven referendada polo feito de que, segundo os datos estatísticos do 2016, O Porriño é o concello que máis crece en número de habitantes de Pontevedra –e o terceiro a nivel galego–, a súa poboación está entre a máis nova de toda Galicia e a natalidade porriñesa sitúase en cifras descoñecidas no resto da comunidade.

Este programa está pensado para que a Biblioteca Municipal colabore coas familias, axudando a establecer un primeiro vínculo entre a lectura, a biblioteca e os bebés. Para iso, as nais e pais poderán facer socio da biblioteca ao seu cativo ao mesmo tempo que o empadroan nas oficinas do Concello, entendendo que a proposición expresa e a facilidade do trámite administrativo permitirá que aínda máis pais e nais opten por facer socios aos seus bebés dende o momento do seu nacemento, como paso previo a visitar as instalacións da biblioteca, levar en préstamo libros para toda a familia e participar nas diferentes actividades que se programan desde a mesma.

O carné do bebé chegaralles a casa por correo, xunto cun paquete de benvida totalmente de balde. Neste paquete está incluída unha guía de lectura sobre Crianza, que inclúe un conxunto de libros prácticos sobre educación, lactancia e crianza ata o primeiro ano de idade que os pais e nais teñen á súa disposición na biblioteca do Porriño para consulta ou préstamo a domicilio.

Tamén se inclúe unha guía didáctica para estimular á lectura aos bebés dende o seu nacemento, con diversas ideas, consellos e informacións que subraian a importancia de ler aos bebés durante o seu primeiro ano de vida, destacando que a través da lectura se pode establecer con eles un vínculo afectivo único.

E por último, o Concello tamén quere participar na formación da primeira biblioteca do bebé regalándolle un libro: trátase do Libro-DVD de Gatuxo, unha obra en galego con cancións de berce e fermosas ilustracións coas que se pode introducir ao bebé no máxico mundo dos libros, acostumándose á súa presenza, aprendendo a pasar as páxinas, etc. E ao mesmo tempo, preténdese fomentar o uso do galego nas cancións de berce, cun conxunto de nanas en formato audio e texto que reflicten as vivencias no desenvolvemento e crecemento dos bebés no seu primeiro ano de vida.

Con esta actuación, a Biblioteca do Concello do Porriño, consciente de que a cultura, a lectura e o idioma son piares fundamentais da nosa sociedade, animan a que todos os novos pais e nais do Porriño inculquen a lectura aos seus fillos e fillas e usen dende o principio os servizos que ofrece a súa biblioteca municipal.