Farruco Graña, «Badaladas de Anllóns»

Poderiamos dicir que «Badaladas de Anllóns» son dous libros en un, que se complementan e intercalan entre si, malia que isto mereza unha explicación pormenorizada na que agora entraremos. Estamos a falar dunha colección de relatos breves, boa parte deles gañadores de distintos certames ou publicados con anterioridade íntegra ou fragmentariamente. Farruco Graña ponos en orde para integrar a colección que temos entre as mans.

Se digo que se trata de dous libros é porque todos os relatos teñen en común dous espazos e dúas realidades diferenciadas. Por unha banda a comarca de Bergantiños e principalmente o Concello de Carballo, lugar natal do autor, do que nos ofrece unha imaxe moi vinculada a tempos pasados, probablemente lembranzas dunha mocidade que xa vai quedando atrás e que, de cando en vez, chama ás nosas portas con certa nostalxia. A ambientación rural e a presencia dun tema tan relevante como é a emigración serían os eixos fundamentais deste libro.

Pola outra banda, Farruco Graña debuxa para nós outro universo non tan diferente a este que xira arredor da vila de Ribadeo, na que o autor reside na actualidade. Tamén nestes relatos pescuda nun pasado máis ou menos próximo e tamén aparece a emigración como telón de fondo, malia que neste caso teñan máis presenza aconteceres vinculados á represión logo da Guerra Civil, que non deixa de ser outro tema fundamental na nosa historia recente. Mesmo chega a recrearse certa rivalidade entre as dúas ribeiras do Eo (e convén lembrar neste punto que o autor é profesor nun instituto asturiano).

Establécese así unha vinculación moi especial entre os lugares máis destacados na vida de Farruco Graña, coma se o Anllóns que el imaxina quixese nacer na fronteira astur e morrer no Atlántico bergantiñán.

Con todo, e a pesar de que falamos de relatos independentes e de lugares distantes, existen elementos comúns que, ao meu entender, definen este libro. En primeiro lugar unha visión señardosa da nosa realidade recente que a dureza dos temas tratados non chega a ocultar. Nin a emigración, nin a represión, nin a superstición dun pobo aillado, nin calquera dos outros temas tanxenciais que o autor aborda ao longo dos relatos, son quen de agochar unha querencia moi especial por un mundo que se nos escapa entre os dedos da man.

O feito de que determinados personaxes e situacións salten entre os distintos relatos non fai senón incidir na vinculación existente entre eles. Mesmo chega un intre no que poderiamos pensar que estamos diante dunha novela coral de dimensións que van alén do simple conto.

A linguaxe coidade e precisa é outro dos sinais de identidade da prosa de Farruco Graña, igual que o é a recuperación de termos que foron quedando perdidos no decorrer dos tempos. Atención especial merece neste caso a abundancia de topónimos, mesmo dos máis miúdos, que amais de repercutir na precisión do dato aportan unha ambientación aquelada a esa visión señardosa da que falabamos.

badaladas de anllonsFarruco Graña
Badaladas de Anllóns

152 páxinas
Editorial: Embora

 
Más en esta categoría: « Miguel Alonso, 'O caso Quintana'