VV.AA.: “Microefectos dramatúrxicos”

Fai un par de semanas, o crítico Ramón Nicolás queixábase nunha entrevista da ausencia entre as principais editoriais dunha publicación normalizada de teatro galego. «Un sistema literario sen que haxa un teatro escrito que se consuma está eivado», dicía. Eu non podo máis que darlle a razón e lamentarme tamén do pouco teatro que se publica en Galicia, alén dalgunhas traducións, edicións esporádicas e pouco máis. O mellor do teatro galego actual hai que buscalo en revistas especializadas de difícil acceso.

Por iso resulta especialmente gratificante este libro publicado por Laiovento, unha das poucas editoriais que lle presta algo de atención ao mundo teatral. E resulta doblemente gratificante porque, ademais de falar de teatro, falamos tamén de novos valores, de autores pouco coñecidos e de traballos experimentais. Cómpre dar unha explicación sobre esta cuestión.

«Microefectos dramatúrxicos» é unha escolma de textos breves de varios autores (Conchi Madrina, Rubén Pérez, María Grandío, Brian Rodríguez, Anxo Manoel, Isa Herrero, Elvira Velasco e Pepe Saavedra). O proxecto nace en 2013, no obradoiro de dramaturxia impartido por Rubén Ruibal dentro do programa da Deputación luguesa Buxiganga. Nese entorno é no que se constitúe un colectivo teatral de creación e posta en escena de pezas breves autodenominado igual ca este libro: «Microefectos dramatúrxicos». Funciona un tempo como grupo residente da Sala Velvet e, máis tarde, do Club Clavicémbalo, na cidade das murallas. Ao xeito dunha cooperativa, o grupo encárgase do proceso completo, dende a escrita dos textos ata a súa posta en escena.

O que se nos presenta neste volume é unha escolma de catorce pezas breves creadas por este colectivo (malia que a autoría non é común, senón individual). E nestas pezas fálasenos de cuestións diversas que responden a unha ollada diferente ao mundo que nos rodea. Atopamos desde distopías disparatadas ou rebelións arroutadas, ata cuestións máis cotiáns como a soidade, a enfermidade, o amor, a vellez... O punto en común que une estas pequenas pezas vén sendo un enfoque fresco, orixinal e novidoso en boa parte dos casos, o que nos fai albergar esperanzas no futuro do teatro galego sempre e cando as editoriais lles dean oportunidade aos autores.

Os enfoques diferenciados veñen dados tanto polo tratamento dos temas propostos, alonxados de prexuízos de calquera caste, como pola súa posta en escea. O feito de que estas pequenas pezas estean ideadas para un espazo concreto fai que rachar a cuarta parede para interactuar co público sexa un recurso habitual, aproveitando deste xeito todas as posibilidades espaciais do propio local.

Como vén sendo habitual neste tipo de recompilacións, o resultado é dispar e resulta difícil concebilo de maneira unitaria. Hai pezas mellores ca outras, loxicamente, pero do que si estou seguro é de que calquera pode atopar nesta escolma o «microefecto» que se adapte aos seus gustos ou querencias, dada a súa variedade. O que resulta indiscutible é a valentía coa que estes autores se enfrontan a un escenario e á escrita dunha peza que, polo xeral, non superarán representadas o cuarto de hora, tempo máis que xusto para un relato.

microefectosVV.AA.
Microefectos dramatúrxicos
Editorial: Laiovento
174 páxinas