Da terraza á casa da avoa... Dous libros de versos

Fran Alonso e Marta Dacosta son dous dos nosos referentes en poesía contemporánea. O azar quixo que ambos dous coincidisen na publicación de cadanseu novo libro, “Terraza” e “Na casa da avoa”, respectivamente. Dous poemarios, cada un ao seu estilo, que teñen en común a claridade expositiva do mundo que nos rodea, dous poemarios que nos levan a viaxar e percorrelo dende dúas visións moi diferentes.


Fran Alonso
Terraza

Fran Alonso ten a teima de reinventarse con cada entrega literaria, sempre á procura de novas canles expresivas e novos xeitos de mudar a realidade máis achegada a través, a miúdo, do verso. Neste caso, 'Terraza' presenta unha colección de poemas que teñen en común un espazo físico cotián, como é a terraza dun bar nunha cidade (Vigo), e unha maneira de entregarse ao verso natural, sinxela e desprexuiciada. De feito, ben poderiamos definir este libro como unha especie de diario poético no que o autor nos conta como a vida flúe ao seu arredor mentres disfruta dun café nunha terraza nos albores do outono.

Deste xeito asistimos ao voo das pombas ao noso arredor na procura dalgunha migalla que aproveitar, ou ao ruído das motocicletas que surcan a rúa, aos movementos na parada de autobús preto da terraza, a esa pinga salgada de mar que se deixa ver entre os edificios da cidade, as conversas dos veciños de mesa... Noutras palabras: ao decorrer da vida dende a perspectiva dun mero espectador.

'Terraza' é un libro afable, sen acritude nin afán crítico ou de denuncia, malia que non por iso deixa de amosar algunha que outra ferida. Pero cando esas feridas aparecen fano como parte do adobío habitual da vida, non con afán reivindicativo. Clientes de idade avanzada en cadeiras de rodas, rapaces pegados a un móbil que os aílla do mundo... Son parte dunha sociedade en permanente remuda que o poeta debuxa dende a cadeira da cafetería dun xeito singular e sorprendente.

E se o enfoque deste libro resulta curioso, non o é menos a metapoesía que agocha entre os códigos QR espallados por todo o texto, nos que o autor nos remite a imaxes, vídeos, sons, tuits, novos versos ou calquera outra virtualidade que considere axeitada para mergullar ao lector no seu mundo lírico. Fran Alonso, de espírito infantil, gusta de enredar coas redes sociais e as novas ferramentas de comunicación. De feito, algúns dos chíos aos que nos remite 'Terraza' pertencen a ese outro proxecto que chama 'Estado de malestar', consistente en tuitear cada día un poema en menos de 140 caracteres.

terrazaFran Alonso
Terraza
Editorial: Xerais
80 páxinas

 

 


Marta Dacosta
Na casa da avoa

Marta Dacosta presenta en 'Na casa da avoa' un texto que ten moito de reflexión introspectiva, pero tamén de vivencia persoal e común. A poeta xoga nos seus versos coa realidade ao falarnos de personaxes reais, como a súa propia avoa (que, dalgún xeito, representa as avoas de todos nós), e misturalos con personaxes literarias, históricas ou mitolóxicas, sempre femias, que son as que soportan o peso do libro. Unha homenaxe, xa que logo, á muller no sentido máis xenérico, dende aquelas ás que nos xungue un vencello familiar ou coas que mantemos unha intimidade moi persoal, ata aqueloutras que representan calquera tipo de simboloxía e que nos axudaron a comprender o mundo e a propia vida. Tal é o eixo sobre o que se sustenta todo o poemario.

Non estamos a falar, entón, dunha viaxe emotiva aos recordos da infancia. Ou cando menos, non só de iso. Porque para darlle forma ao texto, a poeta reconstrúe coma se fose un verdadeiro tótem, a figura familiar e senlleira da avoa como espello no que se miran todas as mulleres. A humanidade toda, en realidade. A avoa érguese coa forza que dá o sangue para guiar os pasos das novas xeracións e, dalgún xeito, achégase á categoría do mito e símbolo de todos nós. A súa axuda é necesaria para guiarnos nun tempo no que os referentes foron desaparecendo paseniño ou foron sendo substituídos por mediocridades prescindibles, un tempo no que carecemos de áncoras que nos fagan manter os pés sobre a terra para comprendela e disfrutala.

E para iso, Dacosta acude a distintas formas de linguaxe coas que darlle o relustre necesario a esta figura que, por veces, se ve arroupada por verbas agarimosas e, noutras, máis aguzadas. Palabras que se perden entre as engurras das mans, entre as engurras do tempo e da memoria. Palabras sempre cheas de forza, que nos axitan algo por dentro mentres nos achegamos a comprender o universo que a poeta nos propón; mentres nos achegamos a comprendernos a nós mesmos tirando do fío da memoria común.

na casa da avoaMarta Dacosta
Na casa da avoa
Editorial: Galaxia
88 páxinas