María Solar, 'Os nenos da varíola'

A nova novela de María Solar trae á actualidade un feito histórico sobre o que se ergue. Non estamos, a pesar de todo, diante dunha novela histórica ao xeito tradicional, senón perante un relato de ficción inspirado nun acontecemento real: a expedición encabezada polo doutor Balmis, médico persoal de Carlos IV, para levar a vacina da varíola a América, onde a enfermidade estaba a provocar verdadeiros estragos entre a poboación.

Este acontecemento, que organizativamente sería intranscendente na actualidade, converteuse en 1803 nunha verdadeira xesta: para asegurar a pervivencia da vacina nunha viaxe tan longa, decidiuse transportala nos corpos dun grupo de nenos, que se convertían así en elos dunha cadea de portadores dos anticorpos necesarios para loitar contra a enfermidade. Nenos de hospicio que deste xeito pasan de ter un futuro máis que incerto, a se converter nos verdadeiros heroes desta odisea. Nenos procedentes dos hospicios da Coruña (13), Compostela (5) e Madrid (4).

E xusto aí é onde entra María Solar, decidida a recuperar o papel xogado por estes heroes de entre 3 e 9 anos. “Os nenos da varíola” céntrase nos meses previos á partida do barco que os levará a América, nos preparativos da viaxe e no mundo de inxustiza e miseria (física e moral) no que estes rapaces vivían. A autora reivindica os seus nomes e o seu papel esencial nesta expedición, así como o de outro dos grandes esquecidos: o doutor Posse Roybanes, responsable do hospital adscrito ao hospicio coruñés. E tamén, como non podía ser menos, o de Isabel Zendal, muller forte e arroutada reitora do orfanato, que tamén participou na expedición, e unha das personaxes mellor construídas da novela.

Solar desenvolve o relato de xeito lineal tendo sempre como telón de fondo a realidade histórica e social do momento e do acontecemento relatado. E a partir de aí, vai entretecendo con puntadas finas e elegantes pequenas historias cotiás que teñen aos nenos e aos seus coidadores como protagonistas. A través de personaxes que desbordan autenticidade e dosificando con mestría o tempo narrativo, remata por amosar unha verdadeira fotografía daquel tempo; unha fotografía perfectamente documentada e aderezada con esa delicadeza tan característica de María Solar á hora de relatar, que é quen de facer aflorar as nosas emocións.

De lectura áxil e amena, “Os nenos da varíola” é unha novela positivista que nos leva a reflexionar sobre a capacidade de calquera, dende o Rei ata o máis humilde e esquecido dos súbditos, de cambiar a historia, tal e como fixeron estes nenos desafiuzados. Lonxe de ser moralista, afronta valores que parecen desterrados da sociedade actual e que conviña recuperar.

A Organización Mundial da Saúde considerou erradicada a varíola en 1980. Por vez primeira, e ata o de agora a única, como lembra María Solar nun breve epílogo, o home foi quen de acabar completamente cunha enfermidade. E puido facelo, en boa medida, grazas ao papel xogado por 22 nenos expósitos que, sen sabelo, sen converteron en heroes.

os nenos da varíolaMaría Solar
Os nenos da varíola
Editorial: Galaxia
208 páxinas