Manuel Esteban, 'A ira dos mansos'

Manuel Esteban preséntase por primeira vez diante do público e faino avalado polo Premio Xerais de Novela deste ano, o que xa nos indica que debemos prestarlle atención ao seu nome. E para a ocasión entréganos un relato de intriga ao estilo da novela policial clásica, malia que rachando con algúns dos tópicos máis habituais do xénero. O máis evidente, o de imprimirlle ao relato un fondo contido de carácter social sobre o que, en realidade, descansa toda a narración.

'A ira dos mansos' comeza coa aparición do cadáver de Violeta, unha nena con síndrome de Down. O inspector Carlos Manso faise cargo do caso para tropezar deste xeito cun mundo para el alleo ao que accede a través dun Centro de Atención para persoas con discapacidade psíquica, dirixido por unha rapaza disposta e arroutada: Lorena. Non tarda en resolver ese crime pero, tempo despois, outro dos nenos do Centro vese implicado na aparición dun novo cadáver e Lorena pídelle consello ao inspector. Este segundo caso, que transcorre entre a investigación oficial e unha investigación paralela argallada polo propio policía, será o que centre a maior parte da historia.

Carlos Manso, o noso heroe particular, é un detective dos de antes, un ente solitario centrado no seu traballo, un home cínico e distante, pagado de si mesmo e cheo de adicións, que cre estar de volta de todo. A perfecta construción do personaxe, ben definido e cunha personalidade coherente que se ergue como eixo fundamental da narración que el mesmo relata en primeira persoa, pode levarnos a pensar que non tardaremos en volver a ter novas súas. Pero a pesar da súa experiencia, non só entra en contacto cun mundo alleo a el, como dixemos, senón que ese contacto fai que algo se lle remova nos seus adentros e que teña que reprantexarse certos prexuízos que deberá superar.

Ese caso marcará para sempre a súa percepción do mundo como, probablemente, marque tamén a dos lectores, pois o autor, médico de profesión e pai dun neno con síndrome de Down, é quen de provocar en nós as mesmas sensacións que no investigador.

A trama leva a Carlos Manso a moverse polo submundo dunha cidade que coñece ben, Vigo, que ansía ser coprotagonista do relato. Nesta cidade e nos seus arredores, o inspector deberá mergullarse nun mundo escuro de narcotraficantes e asasinos a soldo que poboan o relato en distintos momentos, elementos estes que dotan a historia dos tintes habituais do xénero negro.

O autor emprega un estilo sen adobíos, un xeito de narrar claro e directo, sen concesións retóricas que poidan distraer da lectura, e adereza esta receita con grandes doses de humor ácido enchoupando cada liña do espírito mordaz e retranqueiro do investigador-narrador, o que fai da lectura algo cómodo e ameno.

Estamos, xa que logo, diante do debut literario dun autor ao que haberá que seguirlle os pasos.

a ira dos mansosManuel Esteban
A ira dos mansos
Editorial: Xerais
192 páxinas