Fran Alonso, 'Contos nerviosos'

Nunca acabei de entender moi ben a teima dos editores respecto da diferenciación entre literatura infantil ou xuvenil e de adultos, porque aos meus anos téñoo pasado moi ben con libriños que teoricamente non están dirixidos á miña idade e que en máis dunha ocasión me chegaron ben fondo.

¿Como non sentir que algo se che remove por dentro lendo os poemas para nenos de Manuel María, aquelas cousas de Ramón Lamote, ou os contos infantís de Wilde, por exemplo? Dito isto tamén podo dicir que se hai un libro que contén méritos de abondo como para entrar na categoría de “infantil” é, sen dúbida, este “Contos nerviosos”, de Fran Alonso. E se fago tal afirmación é porque semella escrito por un neno, e enténdase isto coma unha merecida loubanza: non é sinxelo escribir como o faría un neno.

Fran Alonso conségueo neste monllo de contos pratogonizados por rapaces de imaxinación desbordada. Non falamos de crear mundos ficticios nos que desenvolver unha historia, terreo este no que aos adultos se nos presupón unha maior capacidade construtiva, senón de contar as historias como o faría un neno. Así, e a xeito de exemplo, asistimos aos padecementos de Amelio, alérxico ao ruído, ao que cada crise lle provoca que se lle inchen as orellas, que os ollos se lle poñan morados, se lle alporice o pelo “coma se estivese a punto de ser abducido por un ovni”, se lle poña un brazo verde e outro amarelo, ou as mans se lle enchan de pelo. Estou seguro de que a ningún adulto se lle ocorrería nunca facer unha descrición deste tipo dunha crise alérxica, de non ser que se chame Fran Alonso ou teña o seu espírito infantil a flor de pel.

Partindo desta idea, atopamos en “Contos nerviosos” unha serie de relatos nos que os nenos son tratados coma o que son: nenos, e non coma parvos, un erro demasiado espallado neste tipo de literatura. E dende eses alicerces, Fran constrúe mundos tan incribles coma divertidos nos que os máis pequenos teñen asegurado o disfrute dunha tarde de lecer, e os adultos poderán escachar coa risa e, se queren, aínda poderán profundar en cuestións máis da nosa corda e reflexionar sobre a nosa sociedade actual, perfectamente reflectida no texto que nos ocupa.

O neno alérxico ao ruído do que xa falamos, unha nena que recibe misteriosas mensaxes e que ten unha xirafa amiga no barrio de Cabrafanada, un neno que se entretén cunha peculiar máquina de videoxogos, e unha nena egoísta e antolladiza que celebra o seu aniversario coma se fose unha raíña, son os protagonistas destas deliciosas pílulas de infancia. Entre todos fan unha peculiar colección de personaxes, que manteñen lenes relacións entre si e con outros secundarios dos que van aparecendo ao longo dos relatos.

Unha linguaxe directa e clara e unha trama en cada historia que nos conduce (con certa dose de inquietude, como anuncia o título do libro) cara a un final inesperado, son outros dos elementos que fan de “Contos nerviosos” unha alucinante viaxe á nosa infancia máis lonxana.

contos nerviososFran Alonso
Contos nerviosos
Editorial: Edicións Embora
72 páxinas