Ramón Nicolás, 'O espello do mundo'

Se digo que “O espello do mundo” é unha novela histórica, os puristas do xénero renegarán de tal afirmación porque a trama desenvólvese dende o presente; se digo que é unha novela epistolar, dirán que tampouco é certo porque, aínda que unha serie de cartas fan de fío condutor, faltánnos as respostas a cada unha delas e, ademais, boa parte do relato está feito por un narrador omnisciente; se digo que é unha novela de investigación ou de intriga tamén haberá quen proteste porque iso só é unha parte da historia e nin sequera é a principal; se digo que é unha novela de inciación, alguén porá o grito no ceo... E, a pesar de todo, “O espello do mundo” é todo iso e moito máis.

Definámola, entón, como unha novela “de ambientación histórica” (para que ninguén se enfade), que se centra na descuberta dunha abondosa documentación nos restos do que fora o mosteiro de San Pedro de Ramirás. Entre esa morea de papeis, as cartas que a abadesa alemá Hildegarda von Bingen (personaxe histórico ao que sempre resulta curioso achegarse) lle enviaba á superiora do convento ourensán, Guiomar Méndez. Toda esa documentación chega ás mans de Martiño, o pretexto que necesitaba para se mergullar no pasado e indagar na historia do mosteiro na segunda metade do século XII.

Desta maneira presenta Ramón Nicolás, recoñecido crítico e ensaísta literario, a súa primeira inmersión no mundo da ficción. Son moitos os seus traballos sobre personaxes da nosa historia literaria (biográficos, ensaísticos, mesmo como editor), pero nunca ata o de agora se atrevera a atravesar a liña do relato de ficción. Este primeiro traballo destapa a un narrador hábil e elegante, perfecto coñecedor de todo tipo de recursos literarios que, como quedou claro no primeiro parágrafo, sabe xogar con xéneros sen necesidade de escoller un deles. E faino, ademais, cunha claridade expositiva que fai que o relato flúa de maneira ordeada, e cunha habilidade especial para adoptar as distintas personalidades dos personaxes, tal e como demostra nas cartas de Hildegarda, que mesmo semellan escritas por unha persoa distinta ao narrador.

Todo isto para adentrarnos, en realidade, nunha época histórica e no que era a vida diaria dun cenobio coma o de Ramirás, verdadeiro protagonista, case totémico, da narración. Os casos das monxas Constanza e Eleonora, sobre os que Guiomar pide asesoramento a Hildegarda, revelan os pequenos desaxustes da convivencia no claustro; mesmo as cartas de Hildegarda, ateigadas de consellos sobre o emprego con fins medicinais de prantas, animais ou pedras, axudan a percibir unha cara daquel tempo; as relacións con outros estamentos esclesiásticos e tamén civís, amosan unha fotografía dun momento histórico moi concreto e algunhas curiosidades que axudan a crear unha perfecta ambientación. Monxas, sacerdotes, campesiños e señores, percorren as páxinas deste relato ofrecendo información sobre o seu xeito de interpretar o mundo espiritual e mailo material. O resultado debe de ser moi parecido a facer unha viaxe no tempo...

Mención aparte merece a linguaxe empregada por Nicolás, rica e florida pero sen caer na petulancia, con algunhas achegas realmente curiosas, como a denominación “ona” para referirse á abadesa de Ramirás, sobre a que ofrece no relato algunha explicación...

En resumo: unha historia ben trazada e ben escrita coa que Nicolás entra con paso firme no mundo da ficción.

o espello do mundoRamón Nicolás
O espello do mundo
Editorial: Xerais
192 páxinas