A Consellería de Medio Ambiente ignora ao Concello nun acto organizado en Tui

O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, vén de facer público o seu malestar logo de que a Consellería de Medio Ambiente organizara un acto na cidade de Tui ao que o Concello tudense no foi convidado, no que ao entender do consistorio tudense, supón non respectar as máis mínimas normas de cortesía e lealdade institucional que debe existir entre administracións.

Os feitos que provocaron o malestar do executivo tudense, tiñan lugar o pasado martes, 18 de abril cando a conselleira de Medio Ambiente, Beatriz Mato, e o responsable de Caixabank en Galicia, Marc Benhamou, asinaron un acordo marco para colaborar en dous proxectos de I+D+i, o través da Fundación La Caixa e coa participación das universidades de Santiago e de Vigo. O acto da sinatura tivo lugar nas instalacións do Parque Natural do Monte Aloia, para máis tarde realizar unha visita a distintos lugares deste espazo protexido.

Entende o rexedor tudense, Enrique Cabaleiro, que as máis elementais normas de cortesía terían indicado a necesidade de, como mínimo, informar, ou o que sería máis axeitado, convidar a ese acto ao Concello de Tui, representado polo seu alcalde, máxime tendo en conta que sí estaban presentes outros representantes políticos, nomeadamente un exalcalde do PP.

Chama a atención Enrique Cabaleiro sobre o feito de que máis aló do partido político ao que pertenza o actual alcalde, "este representa a todos os tudenses, polo que a Consellería, e a propia conselleira, deberían telo en conta".

O Parque Natural do Monte Aloia é un dos bens naturais máis prezados e un dos valores culturais e paisaxísticos cos que máis se identifican os tudenses, "por iso parece unha mostra de pouca sensibilidade esquecer ao representante de Tui", afirma o alcalde tudense, "aínda que ben podería parecer un acto de propaganda partidista so aberto aos representantes do Partido Popular", conclúe.