Tomiño recupera a Aula Aberta do río Furnia

Os novos paneis explicativos axudarán aos visitantes a coñecer e valorar o ecosistema e biodiversidade existente no entorno do río Furnia Os novos paneis explicativos axudarán aos visitantes a coñecer e valorar o ecosistema e biodiversidade existente no entorno do río Furnia

O Concello do Tomiño segue visibilizando a súa aposta pola recuperación e posta en valor do seu extraordinario patrimonio natural e, dentro deses traballos, vén de instalar novos paneis explicativos na Aula Aberta da Natureza do río Furnia, afluente do Miño, que conta cun dos ecosistemas máis representativos de Galicia, ao longo da que se poden atopar máis de 20 especies de árbores e arbustos e 60 de pequenas plantas.

Os novos paneis instalados polo concello tomiñés e que guiarán ao visitante, incorporan elementos naturais e etnográficos e están elaborados integramente en lingua galega. Para iso, o Concello contou co apoio da Deputación de Pontevedra, a través dun programa de subvencións para a dinamización da lingua.

A Aula Aberta do Río Furnia conta con 2 kilómetros de percorrido (ida e volta), de dificultade baixa, ao longo dos que poden atoparse máis de 20 especies de árbores e arbustos e 60 de pequenas plantas e fentos. Ademais, reúne elementos etnográficos de gran valor histórico, como son antigas pontes, muíños fariñeiros e levadas.

A delegada municipal de Medio Ambiente, María Xosé Vázquez, aseguraba que o Concello de Tomiño "considera de gran importancia ter unha Aula Aberta que a través de paneis explicativos, axude a coñecer e valorar o ecosistema e biodiversidade existente ao redor dos nosos ríos”.

Con tal fin, a concelleira, acompañada de Xosé María Regueiro, exconcelleiro e gran coñecedor do patrimonio natural e etnográfico da zona, ofreceu hai uns días, unha charla explicativa con proxección dun vídeo, comentando as características da ruta e da intervención realizada