Tomiño leva a pleno o convenio para a construcción da variante do Seixo

Tomiño leva a pleno deste xoves o convenio de colaboración coa Xunta e Deputación, para a construción dunha variante entre a EP-3102 Tomiño-Sabarís e a PO-344 ó seu paso polo nucleo urbano do Seixo, que reduza o tráfico no núcleo urbano. Entre as obrigas do Concello, figuran as de achegar unha partida de 261.240,36 euros (con cargo ao Plan Concellos 2017 e 2018), e asumir a titularidade do tramo afectado da estrada autonómica PO-344.

Trátase dun proxecto estratéxico para o futuro do municipio, que xa foi aprobado cos votos a favor do BNG, PP e CdT e coa abstención do PSOE, nunha anterior sesión plenaria.O mencionado convenio de colaboración, será asinado pola Conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez; a da Deputación de Pontevedra, María del Carmen Silva, e a alcaldesa de Tomiño, Sandra González, comprometéndose cada unha das tres administracións, a desenvolver e asumir diferentes tarefas e responsabilidades.

Entre as obrigas do Concello de Tomiño, figuran as de achegar unha partida de 261.240,36 euros (con cargo ao Plan Concellos 2017 e 2018), e asumir a titularidade do tramo afectado da estrada autonómica PO-344. Pola súa banda, a Xunta de Galicia farase cargo do proceso de expropiación urxente (antes do 1 de xullo de 2017), cun custe de 933.219,98 euros, e o contrato de servizo, que suma en catro anualidades 29.139,20 euros. Unha vez rematado o devandito proceso, cederá os terreos á Deputación de Pontevedra, coma novo titular da estrada.
Esta última (Deputación de Pontevedra) será quen se encargue de elaborar o documento técnico; levar a cabo a licitación e execución das obras; contratos de servizo accesorios e seguimento da execución, facéndose cargo dos gastos correspondentes, que non poderán superar os 2.351.163, 26 euros.

Antecedentes
A proposta da variante xurdiu dunha demanda que o goberno municipal lle fixo á Deputación en setembro de 2015, para solucionar os problemas de tráfico e paso de vehículos polo núcleo urbano.

A Deputación de Pontevedra redactou un estudo para a mellora da conexión entre a EP-3102 Tomiño-Sabarís e a PO-344 ao seu paso polo núcleo urbano do Seixo. Este estudo previo definiu como solución máis acaída a prolongación da EP-3102 a modo de variante ao Seixo, coa finalidade de conseguir unha conexión viaria eficaz entre a estrada provincial EP-3102 Tomiño–Sabarís e a estrada autonómica PO-344, xa que na actualidade a confluencia destas estradas ao seu paso polo núcleo urbano do Seixo, soporta un volume de tránsito de vehículos que afecta o normal desenvolvemento da vida diaria e o desfrute do espazo público.

Ademais, o desenvolvemento de Tomiño nos últimos anos ten provocado un aumento poboacional importante (arredor dun 30% en 15 anos) e a creación dunha serie de equipamentos públicos (instituto de ensino secundario, campo de fútbol, pavillón polideportivo, centro de saúde, centro de día, centro de persoas con discapacidade, etc.) co conseguinte incremento do paso de vehículos polo centro urbano.

Segundo a alcaldesa de Tomiño, Sandra González, "esta actuación será estratéxica para o futuro desenvolvemento de Tomiño e posibilitará un crecemento mais ordenado, así coma seguir transformando Tomiño e facendo do noso concello un lugar que cambia para favorecer a mobilidade e desfrute do espazo público".

Este proxecto foi presentado en xullo deste ano á conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, así como unha proposta de colaboración para o financiamento e execución deste investimento entre as tres administracións.

Despois da votación plenaria e do respaldo maioritario a esta reivindicación da corporación municipal de Tomiño, a alcaldesasalientou "o sentido de responsabilidade dos grupos políticos do PP e CdT” e agradeceu que “se antepoñan os intereses públicos para así entre todos facer ver á Deputación e Xunta da necesidade deste proxecto para o futuro de Tomiño".

Outro dos puntos da Orde do Día deste xoves, e a Aprobación Inicial da Relación de Postos de Traballo do Concello de Tomiño (RPT), e a moción do BNG polo transporte público ao Hospital Álvaro Cunqueiro. (Xuntamos Orde do Día).