O goberno tomiñés inicia unha xira polas parroquias para escoitar ós veciños

Programa O Concello Escoita durante a visita á Curras en 2015 Programa O Concello Escoita durante a visita á Curras en 2015

O Concello de Tomiño ven de retomar a actividade "O Concello escoita" cunha rolda intensiva de xuntanzas informativas polas parroquias do municipio, que comeza mañá, martes 21 de marzo, con sendos actos programados en Piñeiro (Casa Cultural, 20.00 hs.) e Sobrada (Pavillón Polideportivo, 21.30 hs.).nos que os representantes do goberno local escoitarán as necesidades e propostas dos cidadáns, informando sobre as obras e proxectos levados a cabo no presente ano.

O calendario continuará o mércores 22 de marzo en Estás (Centro Social, 20.00 hs.) e Figueiró (Centro Cultural, 21.30 hs.); xoves 23 de marzo, en Vilameán (Centro Social, 20.00 hs.) e Santa M.ª de Tebra (Centro Cultural, 21.30 hs.).

A vindeira semana, os representantes municipais visitarán o luns 27 de marzo, Amorín (Casa dos Mestres. 20.00 hs.) e Currás (Casa da Comunidade de Montes. 21.30 hs.); martes 28 de marzo, en San Salvador de Tebra (Centro Social. 20.00 hs.) e Taborda (Unión del Porvenir. 21.30 hs.); mércores 29 de marzo, en Forcadela (Casa dos Mestres. 20.00 hs.); xoves 30 de marzo, en Pinzás (Centro Social. 20.00 hs.) e Barrantes (Pavillón Polideportivo, 21.30 hs.). Asemade,  luns 3 de abril, estarán en Tomiño (Casa da Cultura. 20.00 hs.) e o martes 4 de abril, en Goián (Centro Goianés. 20.00 hs.).

En tódolos casos, o cronograma da visita será semellante. Logo da presentación da iniciativa e a exposición de temas relativos ao funcionamento do Concello, tal coma as partidas dos orzamentos municipais (gastos e ingresos, proxectos e investimentos previstos, etc.), os responsables do goberno, escoitarán as dúbidas e consultas dos veciños e veciñas, sobre aspectos relativos á parroquia e ao municipio en xeral.

“O goberno local entende que a participación política é unha das prioridades. Queremos un concello dinámico e vivo onde todos e todas esteamos implicados no seu funcionamento, aportemos solucións e coñezamos a súa realidade como administración máis próxima á veciñanza”, explica a alcaldesa, quen agradece a asistencia da veciñanza e o interese amosado polas cuestións municipais e as necesidades dos diferentes núcleos.