O «Plan Concellos 2017» destina preto de 90.000 euros a novos investimentos en Oia

A Deputación de Pontevedra vén de aprobar, a través de sendas resolucións presidenciais, cinco novas achegas ao concello de Oia no marco do «Plan Concellos 2017», dentro da súa liña 1 de investimentos. Deste xeito, Oia recibe 35.631,91 € para a recuperación do camiño de Liñares; 25.994,94 € para realizar o saneamento do camiño de Videira e a rehabilitación un lavadoiro en Vilar; 20.030,47 € para a ampliación do parque infantil de Mougás e o acondicionamento do acceso ao cemiterio municipal; 6.590,91 € para a subministración de pezas para realizar un illamento acústico e, por último, 1.672,89 € para a adquisición de material informático.

En total, estas cinco novas axudas ao Concello de Oia, suman un investimento total por parte da institución provincial situado en 89.921,12 euros.

Ao abeiro do «Plan Concellos 2017», anteriormente a institución provincial xa destinara a Oia 161.961,90 € para unha actuación integral no camiño de Refoxos, a numeración de vivendas e camiños da vila e para realizar obras relativas á rede de abastecemento municipal de auga na aldea de Burgueira, 65.045,63 € para gastos correntes e, ademais; 94.434,08 euros para a contratación de 12 persoas que desempeñarán as súas funcións nos diversos servizos municipais da vila, a través da liña 3 de emprego do Plan.

Coa suma desta nova achega, Oia xa ten recibido da Deputación de Pontevedra o 95% do total do investimento que lle corresponde dentro do «Plan Concellos 2017», isto é, 411.362,73 € dun total de preto de 434.000 €.