Barcia de Mera prepárase para a novena edición do Ciclo de Música Relixiosa

Zoar Ensemble, o Coro Rías Baixas e Vox Stellae son algunhas das propostas para a novena edición do Ciclo de Música Relixiosa de Barcia de Mera, que conta co apoio da Consellería de Cultura e Educación e que ofrecerá, entre os meses de abril e de setembro, un total de seis concertos. Recoñecidos músicos e formacións participan na programación deste ano, que se desenvolve na igrexa barroca de San Martiño do concello de Covelo baixo a dirección artística de Nieves García-Soto.

O cartel deste ano foi presentado hoxe no Balneario de Mondariz, nunha rolda de prensa na que o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, puxo en valor a “extensa programación coa que, afortunadamente, contamos en Galicia e que constitúe unha oferta cultural importantísima no noso país e unha plataforma de actividade fundamental para as agrupacións musicais”.

O ciclo asentado nunha pequena parroquia, Barcia de Mera, “traslada o foco do interese a un contorno rural, poñendo de manifesto que é posible crear fluxos de movemento de públicos a espazos menos centrais ca os urbanos no sentido territorial”, asegurou. “Ademais –engadiu– é un ciclo que nos ofrece unhas propostas de calidade e ese é un aspecto que os públicos saben apreciar e que garante esta evolución que vimos constatando, coa satisfacción de ver a igrexa cada vez máis chea en cada unha das citas”.

Boa música e unha experiencia singular
Finalmente, Anxo Lorenzo amosouse convencido de que a programación de concertos que ofrecerá o ciclo este ano “fará que moitas persoas decidan achegarse a Covelo en busca de boa música e, sobre todo, dunha experiencia singular e no aspecto sonoro absolutamente rica e diferente”.

Entre as novidades do cartel deste ano, o ciclo contará cun grupo de vento para o seu concerto inaugural, Zoar Ensemble, que actuará o próximo 29 de abril. O día 27 de maio, será a quenda de Cuarteto Novecento, ao que seguirá a intervención musical de Vox Stellae Ensemble, o 17 de xuño. Xa durante o verán, o ciclo ofrecerá o 15 de xullo o espectáculo ‘Cantar de los cantares’, interpretado por dous actores con acompañamento de guitarra. A seguinte cita será o 26 de agosto, cunha nova actuación de Vox Stellae e o concerto de clausura correrá a cargo do coro Rías Baixas, que propón un broche prometedor con obras de Purcell e de Fauré.

O párroco de Barcia de Mera e director do ciclo, Rafael Antela; a directora artística, Nieves García-Soto; e o director do coro de cámara Rías Baixas, Bruno Díaz, tamén participaron na presentación da nova edición desta cita cultural que esperta cada ano o interese dos veciños do lugar, así como do público en xeral.