Covelo recupera o bosque de ribeira do río Tea

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou onte o concello de Covelo para comprobar, en compaña do alcalde da localidade, Pablo Castillo, os traballos de recuperación do bosque de ribeira do río Tea. Tourís asegurou que o municipio continuou así a levar a cabo melloras de acondicionamento do sendeiro que transita polo río Tea para o que a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas aportou unha axuda global de case 20.000 euros, dentro das axudas destinadas a concellos da Rede Natura.

En relación a este proxecto, ao que o Concello de Covelo achegou o 21% correspondete ao IVE, tratouse de accións dirixidas á recuperación do bosque de ribeira e o fomento do uso público na zona do sendeiro do río Tea. Deste xeito, leváronse a cabo medidas de erradicación da vexetación invasora ao paso do río pola parroquia de Maceira, así como a substitución de arborado de ribeira afectado, plantándose 120 árbores (60 bidueiros, 30 pradairos e 30 freixas) e podando as partes secas e enfermas dos carballos da zona.

Ademais, tamén se restauraron superficies degradadas pola erosión hídrica e polas zonas de concentración de uso público, instalándose tamén un panel interpretativo e recuperándose as superficies degradadas pola erosión con aporte de restos de triturado e area ou terra vexetal e sementeira de herbáceas.

Por outra banda, as obras contemplaron a rehabilitación de elementos tradicionais de valor patrimonial como a Ponte do Alén nas carballeiras de San Xoán de Mosteiro, paso obrigado para a peregrinación local da Fonte Santa, e levouse a cabo a mellora dos accesos aos predios relacionados cos espazos naturais.

Cores Tourís quixo subliñar “a colaboración da administración autonómica cos concellos con Rede Natura" o que segundo o delegado territorial en Pontevedra, "vén a ratificar o compromiso do Goberno galego coa conservación, coa protección e coa mellora dos parques naturais en Galicia e, en concreto, na provincia de Pontevedra, onde se beneficiaron 10 concellos cunha axuda global de 200.000 euros”.