Todo preparado para as Xornadas Técnicas da Arbomostra 2017

O venres, 21 de abril, darán comezo as xornadas técnicas que se desenvolven no marco da Arbomostra, unha das actividades paralelas da Festa da Lamprea de Arbo que, anualmente, pon sobre a mesa temas de interese directamente relacionados cos viños e a súa produción.

A primeira das dúas xornadas, comezará o 21 de abril, no Auditorio do Centro Multiusos de Arbo. Entre as 17 horas ás 21 horas, terá lugar un obradoiro práctico que se desenvolverá baixo o título ‘Formación de expertos en análise sensorial. Novas tendencias’. Neste obradoiro contarase coa presenza, en calidade de relatores, de José Daniel Fornos Rivas, licenciado en Ciencias Químicas de Evega (Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia); Alfonso Losada Quiroga, enxeñeiro técnico tamén de Evega e Luis Buitrón Barrios, enólogo e presidente da Asociación Galega de Enólogos.

A segunda xornada terá lugar o luns 15 de maio, tamén no Auditorio do Centro Multiusos de Arbo. En horario de 9 h a 14 h, falarase de todo o relativo a ‘Os escumosos galegos. Tendencias e innovacións’. Esta actividade inclúe varios relatorios a cargo de especialistas no tema.

Así, José Mazaira Pérez, director técnico do Consello Regulador Denominación de Orixe (CRDO) Valdeorras, e José Simón Ferro, xerente da adega As Laxas, falarán sobre ‘O mercado dos escumosos galegos. Situación actual e perspectivas’.

Deseguido, Nuria Álvarez, directora técnica do CRDO Ribeiro explicará, no seu relatorio, o ‘Potencial dos escumosos do Ribeiro’.

‘Características das principais castes galegas para a elaboración de escumosos’ será o tema que desenvolverá o enólogo, José Hervella, ao que seguirá a intervención de Darío Jordal, da empresa Laffor, que falará sobre ‘Solucións técnicas na adega para a elaboración de escumosos’.

O último relatorio desta xornada, será a presentación dun proxecto de I+D+i que correrá a cargo de Josefina Vila Crespo, directora da Escola Técnica Superior de Enxeñeria Agraria da Universidade de Valladolid, que presentará a ‘Mellora tecnolóxica da crianza de viños escumosos: experiencias no Verdejo’.

As xornadas as pechará unha interesante mesa redonda que, baixo o título ‘Presente e futuro dos escumosos’, estará moderada por Alfonso Losada Quiroga

As xornadas técnicas están organizadas por Evega-Ingacal e o Concello de Arbo e, para máis información sobre as mesmas ou mesmo formalizar a inscrición, interesados e interesadas poden facelo no Concello de Arbo ou no teléfono 986 66 50 00 preguntando por Víctor.