Éxito de participación no desfile de Entroido de Arbo

A pesar de que o tempo parecía non acompañar, o domingo de entroido a afluencia de visitantes ao desfile de Entroido de Arbo superou as expectativas da organización, recuperándose o espíritu do desta festa tradicional dunha maneira extraordinaria. O Desfile de Comparsas, organizado un ano máis pola Concelleria de Cultura, contou cunha grande participación, tanto no que fai referencia ao concurso de comparsas, coma durante o desfile en xeral.

Máis de 300 participantes concursaron en 15 comparsas e de maneira individual na categoría de mascarita, para acadar o primerio premio. O punto de concentración e a saida do desfile foi, como todos os anos, a carballeira de Turbela para realizar un percorrido con fin na Praza do Concello. Unha vez alí, o Entroido de Arbo contou con distintos espectáculos, protagonizados polas comparsas e colaboradores. Dese xeito, dende os mais cativos aos maiores puideron disfrutar dun domingo colorido, de música e diversión.

O Xurado composto por 5 persoas designadas polo concelleiro de Cultura entre os asistentes ao evento na Praza do Concello, foi o encargado de avaliar e puntuar as comparsas, comparsas infantís e as mascaritas. O certo é que non o tivo fácil dado o alto nivel e traballo que este ano demostraron todos os disfraces e carrozas. O Concello de Arbo quixo facer público o seu agradecemento "a todos os participantes e visitantes que coa súa presenza e participación conseguiron que o Entroido de Arbo fose un éxito".