Arbo inaugura as I Xornadas Formativas para restaurantes de ruta da Lamprea

Nava Castro inaugurou estas Xornadas Formativas. Nava Castro inaugurou estas Xornadas Formativas.

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, inaugurou esta tarde en Arbo as primeiras xornadas formativas para os hostaleiros da Ruta da Lamprea impartido pola Escola de Turismo Itinerante do Centro Superior de Hostelería de Galicia (CSHG) que axudará aos restaurantes da zona a “mellorar o seu servizo, a súa presenza nas redes e a facer unha xestión eficiente”.

“A formación é un piar fundamental no desenvolvemento dun sector tan variable como o turístico. Os profesionais formades parte do presente e do futuro do Turismo en Galicia, unha actividade cuxo volume superou o 11% do PIB da nosa comunidade”, indicou Nava Castro aos participantes do curso. Por iso,  para Turismo de Galicia é “fundamental” ofrecer un servizo de calidade aos turistas que elixen visitar a Ruta da Lamprea, que é xa un produto turístico “innovador e diferenciador” que potencia o turismo dos dezaoito municipios que integra situados nas beiras dos ríos Miño, Ulla e Tambre. Ademais, a través dela, pódese dar a coñecer dende o importante patrimonio que rodea a este peixe e a súa captura, ata recursos naturais e culturais, como miradoiros, paseos, pontes ou capelas, entre outros.

“Estou convencida de que este programa repercutirá directamente na imaxe do sector e na calidade desta Ruta, en particular, e de Galicia, como destino, en xeral”, indicou a directora de Turismo de Galicia. As xornadas formativas inauguradas hoxe, centradas en como mellorar o seu posicionamento en internet, a súa reputación online e as ferramentas para ser máis visibles na rede, son as primeiras das tres que se desenvolverán nos próximos días e nas que os profesionais da Ruta da Lamprea tamén coñecerán as claves da atención ao cliente e a xestión económica. As vindeiras sesións serán o 6 e 7 de marzo.

A iniciativa está enmarcada no traballo da Escola de Turismo Itinerante do Centro Superior de Hostelería de Galicia (CSHG), que facilita a formación a medida e adaptada á realidade de cada entorno.