Cores Tourís comproba as melloras executadas na Escola Infantil da Cañiza

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís visitou a escola infantil da Cañiza, invitado polo alcalde do municipio, Miguel Adolfo Domínguez, co obxectivo de comprobar as melloras executadas neste centro a través dunha orde de axudas da Consellería de Política Social. O investimento da obra roldou os 24.000 euros, e grazas ao mesmo, puidéronse adquirir diversos medios e equipamento para o centro como un ordenador, unha televisión, varias mesas e sillas, así como unha piscina de bolas para os pequenos.

A Escola Infantil da Cañiza foi inaugurada fai seis anos, polo que se detectaron outras necesidades de mellora, como a instalación de pavimento amortecedor na aula de 1 a 2 anos, necesario ante o feito de que algúns dos nenos desa idade aínda gatean, polo que con este novo chan redúcense os posibles danos que se poderían causar.

Ademais tamén se levou a cabo a instalación dunha drenaxe perimetral e a mellora do illamento, co obxectivo de evitar os problemas de condensación nas paredes que estaban a provocar a aparición de humidades. Deste xeito, instaláronse pranchas de poliestireno extruído de 30 mm de espesor na parte baixa do edificio. A drenaxe executarase ao redor de todo o perímetro do edificio, no que se instalará unha gabia.

Grazas a estes investimentos, melloráronse unhas instalacións nas que, na actualidade, están a ser atendidos 62 nenos en catro aulas, o que redunda favorablemente no desenvolvemento dos procesos de aprendizaxe e na mellora da súa efectividade.

A Consellería de Política Social subvencionou, a través da liña de axudas de mellora das infraestruturas e equipamentos, un total de 10 proxectos de reforma en escolas infantís e puntos de atención á infancia (PAI) na provincia de Pontevedra en 2016, cun orzamento para toda Galicia de 1,5 millóns de euros.

Tal e como explicou o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, a finalidade da convocatoria é mellorar ditos centros así como os puntos de atención á infancia (PAI) de titularidade municipal a través da realización das obras menores e da compra do equipamento preciso, na consideración de que a calidade das infraestruturas e do mobiliario e recursos educativos utilizados son un factor básico de impulso da calidade da atención prestada.

Con estas axudas facilítase a posta en marcha inmediata de recursos de atención á infancia que estean unicamente pendentes da dotación de equipamento, co que se aumentará a dispoñibilidade de prazas de atención á infancia. Igualmente mellorarase a calidade da atención recibida nos que xa veñen funcionando.