A Deputación axuda aos concellos a adaptarse á nova Lei de Contratos

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, ofreceu hoxe "toda a colaboración dos servizos da institución provincial á totalidade dos concellos da provincia" para poder implementar e poñer en marcha as novas esixencias da Lei de Contratos do Sector Público.

Na súa intervención na xornada sobre a Lei que acolleu a Deputación durante todo o día, Silva subliñou que o prazo de catro meses dado polo goberno para que a administración local puidera adaptar os seus sistemas é moi escaso e provocou importantes dúbidas “incluso aos concellos máis grandes que teñen máis recursos e persoal para poder adaptar os seus sistemas”.

A Presidenta recordou que adoita ser moi habitual que dende o executivo se aproben normas e leis con prazos moi pequenos e sen dotación económica “sen atender a realidade do país” e que logo provocan importantes problemas na súa aplicación, sobre todo, na administración local e nos concellos máis pequenos que “son o 85 por cento do total”. De feito, puxo de exemplo o que aconteceu coa Lei de Administración Electrónica “se a Deputación de Pontevedra non houbera adicado 800.000 euros e implementado un proxecto de administración electrónica para o conxunto dos concellos de menos de 20.000 habitantes non existiría na provincia un sistema de administración electrónica porque non hai recursos de ningún tipo para poder implementala”.

lei de contratos xornadas 02

Carmela Silva, ante os máis de 150 asistentes entre alcaldes e alcaldesas, concelleiros e concelleiras e técnicos e técnicas municipais, insistiu que coa Lei de Contratos acontece o mesmo “non hai recursos de ningún tipo para poder implementala e ademais merecería un tempo suficiente de formación, pero como a temos que cumprir polo principio da legalidade si que temos que facer este chamamento”.

Silva tamén subliñou aspectos da nova lei que se teñen que cumprir nos novos tipos de contratos como as cuestións sociais e medio ambientais “que si non son contempladas na nova lei o mercado por si só non as vai cumprir, o que temos que poñer en valor, porque agora non vai depender da vontade política de quen goberna senón que serán de obrigado cumprimento”.

Pola súa banda, Jaime Pintos Santiago, consultor en materia de contratación e funcionario en excedencia e coordinador destas xornadas, tamén salientou na súa exposición estes novos condicionantes da Lei de Contratos sobre os aspectos sociais e medio ambientais que derivados das directivas europeas de obrigado cumprimento deberán contar a partir de agora todos os contratos das administracións. Igualmente destacou certos tipos de contratación das administracións que deberían de contemplar aspectos como a igualdade de xénero en algunhas das cláusulas dos contratos de execución de obras ou outro tipo de servizos que as empresas privadas prestan.

As xornadas, que concluíron pola tarde, complementáronse con relatorios de expertos funcionarios e funcionarias de outras administracións nacionais. Así Bernabé Palacín, director de contratación del concello de Logroño, falou precisamente dos aspectos sociais e medio ambientais da nova Lei. Asunción Sanmartín, xefa de contratación do goberno de Aragón, expuxo a simplificación e a redución dos prazos para as ofertas de contratación co uso dos medios electrónicos. Concepción Campos, secretaria do concello de Vigo, interveu falando da transparencia e a integridade da contratación e, por último, Fernando Álvarez, do concello de Xixón, salientou o uso da contratación electrónica como base da modernización dos propios concellos.