Carmela Silva recibe ao alumnado de Filosofía da UNED Senior

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, recibiu esta mañá cun almorzo no Pazo provincial ao grupo de alumnas e alumnos de Filosofía da UNED Senior, que a escolleron como madriña da súa promoción en calidade de Presidenta provincial. O alumnado entregoulle como obsequio un ramo de flores e unha copia do libro do filósofo e titor do curso Marcelino Agís «Introdución á historia da filosofía», editado pola Deputación de Pontevedra.

Pola súa banda, a Presidenta Carmela Silva fíxolles entrega de cadansúa copia do libro «Pontevedra: a memoria rescatada». Carmela Silva asegurou que “para min é un orgullo inmenso ser a madriña desta promoción. De feito, cando nunha conversa xurde o tema das afilladas e afillados, eu son quen máis presume porque ninguén ten tantas e tantos coma min”.

uned senior 03

A presidenta da institución provincial aproveitou a xuntanza para poñer en valor “que exista unha formación como a que oferta a UNED para as persoas maiores” e resaltou “o orgullo que sinto por todas estas mulleres e homes xa que amosan que as inquietudes, neste caso as intelectuais, non teñen idade”, ademais de sinalar a necesidade “de ofrecerlles posibilidades aos nosos e ás nosas maiores porque teñen moito que achegar á sociedade”.

uned senior 01

Carmela Silva incidiu en que “a terceira idade é unha época marabillosa para poder seguir medrando como persoas e de compartir todo ese coñecemento co conxunto da sociedade desde unha perspectiva única” e tamén asegurou que “eu mesma, cando me xubile, teño toda a intención de seguir estudando”.