Se as mulleres paran, o mundo para

Non hai dúbida. Hoxe as mulleres pararon e secundaron as mobilizacións convocadas ao longo de todo o país demostrando xustamente iso: que se as mulleres paran o mundo para. O paro foi secundado por mulleres traballadoras da sanidade, do ensino, do comercio, da industria, dos centros de chamadas, da administración, do téxtil, do mar, das conserveiras,...; pero tamén polas xubiladas, as estudantes, as desempregadas e as mulleres que traballan arreo pero non teñen unha remuneración.

"As galegas estamos demostrando a nosa capacidade de mobilización, a través da que somos quen de situar Galiza no mapa mundial do Paro Internacional de Mulleres e participar activamente nunha xornada histórica, revolucionaria, que marca un punto de inflexión na conmemoración do 8 de Marzo e en como temos que concibir a celebración desta data". Así de contundente se amosaba a secretaria confederal de Mulleres da CIG, Margarida Corral durante a multitudinaria concentración realizada en Vigo, coincidindo coa segunda quenda de paros laborais convocada pola central nacionalista, que abrangue a franxa horaria das 12 ás 14 horas.

No conxunto do país, na sanidade pública só están entrando os servizos mínimos, e nos centros dependentes do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, o paro sitúase arredor do 90%; malia o que os sindicatos cualificaron de "abusivos servizos mínimos decretados polo Goberno galego". No ensino público a folga atinxiu a máis do 70%, e no caso do secundario as forzas sindicais falaban dunha prálise case que total ao coincidir tamén cunha folga estudantil de amplo seguimento.