I Forum Transfronterizo

A Xunta destinou en 2017 máis de 85.000 euros á dinamización comercial do Condado-Paradanta

Praza de Abastos de Mondariz Praza de Abastos de Mondariz

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, destacou os máis de 85.000 euros destinados á asociacións de comerciantes e praceiros da comarca do Condado-Paradanta dende a Consellería de Economía, Emprego e Industria ao longo de 2017 co obxectivo de dinamizar o comercio de proximidade.

As axudas destináronse a proxectos de expansión comercial, así como á mellora da imaxe, acondicionamento e modernización dos establecementos comerciais retallistas, na que se beneficiaron 2 establecementos nestas comarcas. Tamén se destinaron subvencións para a dinamización do comercio local as prazas de abastos de Mondariz e Ponteareas para a consecución de mercados de excelencia, así como ao fomento da comercialización da artesanía galega.

Finalmente, varias prazas de abastos e CCA desta comarca tamén obtiveron subvencións co obxectivo de crear espazos activos de emprendemento comercial (Asociación de Comerciantes de Ponteareas e a Asociación Praceiros Ponteareas).

Todas estas axudas, que na provincia de Pontevedra chegan aos dous millóns de euros, tal e como explicou Cores Tourís, enmárcanse no Plan Estratéxico de Impulso ao Comercio de Galicia que contempla 55 accións específicas ata 2020, e ten entre os seus retos o establecemento dun novo modelo de comercio intelixente que sitúe ao cliente no centro da súa estratexia aproveitando todos os recursos á súa disposición.

“De feito, traballamos de cara a seguir aumentando a confianza do consumidor no comercio máis próximo e segundo os datos que manexamos dende a administración autonómica e dende as asociacións de comerciantes, as ventas neste tipo de negocios locais na provincia de Pontevedra aumentou no último ano un 5%”, matizou o delegado territorial, quen tamén engadiu que segundo o Centro de Investigación Sociolóxico a confianza dos consumidores medrou en dous puntos o pasado decembro, ata chegar ao 102,5%, o que supón o mellor dato dende setembro de 2005.