Areeiro aconsella esperar a unha melloría do tempo para realizar podas

Arreiro recomenda esperar a que mellore o tempo para realizar a poda nas viñas e aplicación de cobre nas froiteiras / Foto: ©Estación Fitopatolóxica do Areeiro / Deputación de Pontevedra (http://www.efa-dip.org/) Arreiro recomenda esperar a que mellore o tempo para realizar a poda nas viñas e aplicación de cobre nas froiteiras / Foto: ©Estación Fitopatolóxica do Areeiro / Deputación de Pontevedra (http://www.efa-dip.org/)

A Estación Fitopatolóxica de Areeiro (EFA), centro dependente da Deputación de Pontevedra, fixo público o venres o primeiro aviso fitopatolóxico do ano, que vén marcado pola incidencia das chuvias nas recomendacións sobre os traballos en froiteiras e viña. Os técnicos aconsellan esperar a que o tempo mellore e se manteña máis seco con certas garantías para realizar podas, no caso da viña, e aplicar cobre, no caso das froiteiras.

Tamén recomendan retirar froita podre de cítricos, tanto das árbores como do solo, e evitar na medida do posible as charcas arredor das árbores.

Desde a EFA indican que desde finais do mes de decembro, concretamente desde o día de Nadal, na maioría das zonas as precipitacións foron constantes, chegando a acadarse ata cerca de 200 l/m2 na xeneralidade de estacións de MeteoGalicia da provincia, ou mesmo cerca de 400 na de Fornelos de Montes. A pesares de que algunhas previsións meteorolóxicas anuncian unha melloría relativa do tempo para dos próximos días, o técnicos advirten que será unha melloría moi feble e que non será suficiente, polo que non aconsellan as podas desde o punto de vista da sanidade das plantas, xa que a humidade podería propiciar un elevado inóculo de patóxenos.

O aviso fitosanitario tamén advirte que nesta semana na EFA xa se capturaron as primeiras femias de eirugas de Operophtera brumata e que se incrementou o número de machos detectado. Hai que lembrar que dende hai dous anos esta especie defolia gravemente as frondosas na provincia. Os técnicos informan que desde este momento os adultos non capturados copularán e as femias porán unha media de 200-300 ovos cada unha nas cortizas, nos liques que medran sobre as árbores, na base das xemas ou noutros soportes. Neste estado pasarán o resto do inverno para eclosionar na primavera.

areeiro eirugas

Foto: ©Estación Fitopatolóxica do Areeiro / Deputación de Pontevedra (http://www.efa-dip.org/)

A detección precoz das primeiras eirugas na primavera será fundamental para facer un bo control desta praga, pois desde o momento en que se introducen nas xemas ou unen as follas tenras para alimentarse, é moi complicado limitar o ataque. Porén, xa nestes momentos pódense tomar medidas preventivas como a instalación das trampas para a captura de adultos e así reducir as posibilidades de apareamento.

A Operophtera brumata é unha especie orixinaria dos países do norte e centro de Europa que foi introducida no norte de Africa, nalgúns países asiáticos e en América do Norte. Na nosa provincia estaba presente dende hai tempo, pero desde 2015 obsérvanse graves danos nalgunhas carballeiras da provincia no momento de agromar, xa que as súas eirugas se alimentan das xemas foliares e de flor e das follas tenras. Na primavera de 2017, ademais, observáronse os seus efectos tamén en outras especies como a faia, pois é un insecto que pode atacar a diferentes frondosas (freixos, bidueiras, tilos...) e mesmo a froiteiras (maceira, pereira, cerdeira...) ou pequenos froitos (arándanos).