A Deputación abre a inscrición para a “Xornada de Autoliderado e Marca Persoal”

Ata o vindeiro 11 de decembro estará aberto o prazo de inscrición para a “Xornada de Autoliderado e Marca Persoal” que organizará o vindeiro martes 12 de decembro a Deputación de Pontevedra a través da «Escola de Igualdade María Vinyals». Esta actividade gratuíta, que comezará ás 15:30 h e alongarase ata as 21:30 h, terá lugar no Colexio Fogar ABANCA.

A iniciativa está destinada a mulleres emprendedoras, mulleres que queiran orientar o seu desenvolvemento persoal e profesional, estudantes, profesionais, persoas emprendedoras ou con interese en emprender, orientadoras e orientadores laborais e profesionais e persoas con interese en estratexias de liderado e xénero.

A finalidade desta xornada é acadar o liderado persoal e profesional. As persoas que asistan e participen poderán crear unha marca persoal, descubrir ferramentas e estratexias que lles permitirán desenvolver a súa capacidade de autoxestión.

O autoliderado e a marca persoal son sinónimos, no século XXI, de crecemento, necesarios tanto na vida familiar e persoal coma na empresarial e social. Con esta iniciativa, a Deputación de Pontevedra pretende dar formación práctica enfocada ao desenvolvemento das persoas, traballar con elas para que sexan conscientes de que poden chegar a liderarse a si mesmas e, a partir de aí, liderar ás demais persoas.

Durante a xornada, que terá un aforo limitado de 150 persoas, os e as participantes poderán asistir a unha charla de Yolanda Fortes, consultora de formación multidisciplinar e docente de formación para o emprego, na que afondará sobre o autoliderado e a unha de Paula Fernández-Ochoa, consultora e docente en márketing xurídico, desenvolvemento de negocio e marca persoal e corporativa, sobre a importancia da marca persoal.
A inscrición poderá realizarse ata o luns 11 de decembro a través da web da Deputación de Pontevedra, ou tamén nesta ligazón.