Carmela Silva cualifica de «inadmisibles» as cifras de desemprego de novembro

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, cualificou esta mañá como “inadmisibles” as cifras de desemprego do mes de novembro que se elevan ata as 3.474.281 persoas das cales, o 57,8% son mulleres. Ao respecto, Silva destacou que “pese a ser máis do 52% da poboación do Estado, as mulleres seguimos a ser as maiores vítimas do desemprego”.

Pola súa banda, a presidenta provincial fixo fincapé nos números de contratos que, se ben ascenden, “soamente o 9,39% son indefinidos, é dicir, seguimos a ter traballo temporal pero precario, cunha falta total de dereitos”. Máis polo miúdo, Silva destacou que da porcentaxe de contratos indefinidos, “o 41,12% son a xornada parcial o que pon de manifesto que aínda sendo indefinidos, os novos contratos outorgan escasos dereitos ás persoas traballadoras”.

Amais, Carmela Silva tamén amosou a súa preocupación polos datos relacionados coa taxa de cobertura que, en España, se sitúa no 55,3%. “Estas cifras indican que máis de millón e medio de persoas non perciben ningún tipo de axuda, un auténtico drama, e en Pontevedra é máis baixa aínda que no resto do Estado, situándose no 46,5% o que supón que dos 74.445 desempregados que hai na provincia, 39.834 non reciben ningún tipo de axuda”.

Por estes motivos, a presidenta da Deputación de Pontevedra fixo un chamamento ás administracións competentes, “particularmente ao goberno de España, para que tome medidas. Unha sociedade decente non pode vivir con cifras que elevan a máis de millón e medio as persoas que non perciben ningún tipo de prestación e, polo tanto, viven no limiar da pobreza”.