David Regades: “o compromiso coa igualdade ten nomes socialistas"

O candidato ás primarias do PSdeG, David Regades, protagonizou onte un acto rodeado de mulleres e homes do partido co que quería amosar o seu “claro compromiso coa igualdade”. No remate da campaña, Regades asegurou que o proxecto que lideraba para dirixir aos socialistas da provincia, “ten ambición e está pensado para mirar ao futuro”, un futuro que pasa por un obxectivo claro “gañar as vindeiras eleccións municipais”, afirmou.

Logo de desenvolver unha intensa campaña que o levou a visitar as 61 agrupacións da provincia, atendendo a un dos eixos do seu programa, como é o diálogo, quixo rematar cun acto que tivera como protagonista a igualdade “unha cuestión da que o socialismo é abandeirado”.

Regades, que se declarou feminista “ao igual que moitos compañeiros”, subliñou a necesidade de reivindicar, potenciar e seguir avanzando en materia de igualdade. Destacaba o feito de que, a pesar de que as mulleres supoñen máis do 50% da poboación, “non teñen esa porcentaxe de representación nas diferentes actividades que se desenvolven na sociedade”.

Os datos aportados polo candidato, deixaron patente o longo camiño que aínda queda por percorrer para acadar unha igualdade real entre homes e mulleres. Así, explicaba Regades, “o 60% das persoas que se gradúan na universidade son mulleres, non obstante, soamente arredor do 20% dos cargos directivos das empresas en España son mulleres”. Un exemplo que o candidato trasladaba ao eido da política ao sinalar que “ás mulleres soamente son o 37,5% dos cargos executivos dos partidos políticos, e aquí teño que resaltar e poñer en valor que a maior porcentaxe se corresponde co PSOE, onde ás mulleres teñen unha porcentaxe máis elevada nos cargos executivos do noso partido”.

Pero a faciana máis escura da desigualdade tamén era exposta por David Regades que achegaba datos indiscutibles, “215 galegas vítimas das violencias machistas e 10.844 delitos contra a liberdade sexual no 2016”. A estes datos, Regades engadía outro non menos preocupante, un estudo realizado entre 1.200 mozos de entre 15 e 29 anos “dos que un de cada tres, considera que a violencia de xénero é unha conduta normal en parella”.

Regades, logo de facer un repaso por outros índices que amosan a desigualdade, como a diferencia salarial entre homes e mulleres, incidía na necesidade de “loitar por unha sociedade máis decente” e, nese sentido, aseguraba que o socialismo “aposta polo desenvolvemento dunha sociedade sa, dunha sociedade xusta, dunha sociedade igualitaria, en definitiva dunha sociedade más democrática”.

Remataba David Regades dando conta dos eixos da política a desenvolver “dende a nova dirección provincial” e que pasan pola implantación da perspectiva de xénero, a visibilización e empoderamento das mulleres en todos os eidos, o político, o empresarial, o laboral, o rural, o cultural, o deportivo..., o fomento da igualdade de oportunidades e prevención da violencia machista e, finalmente, a loita contra á violencia de xénero, “con esa lacra social ─afirmou Regades─ que precisa recursos” e lembraba que “só as e os socialistas temos posto recursos e esforzos neste eido, concienciar, formar, previr... non podemos esperar a lamentar mais asasinatos”.