Alumnas e alumnos da Escola de Cantería visitan a Fundación Laboral da Construción

Un grupo de alumnas e alumnos e profesoras e profesores da Escola de Cantería da Deputación de Pontevedra realizou unha visita educativa á Fundación Laboral da Construción e ao Pazo Xelmírez, en Santiago de Compostela, para coñecer o traballo en pedra e visitar a exposición da obra do Mestre Mateo.

A visita enmárcase no programa educativo do centro, co obxectivo de que o seu alumnado teña un coñecemento real do ámbito no que poden desenvolver a súa carreira profesional unha vez rematados os estudos.

escola canteria visita santiago 02

A Escola de Cantería oferta os títulos de Canteiro e Canteira e de Mestre Canteiro e Mestra Canteira, para os que o alumnado recibe unha ampla formación que abrangue dende o traballo en pedra ata o estímulo da vocación artística, cursos de modelaxe, escultura, debuxo técnico, debuxo artístico, historia da arte e construción, así como prácticas de laboratorio e informática.

escola canteria visita santiago 03

Os estudos que realizan as alumnas e alumnos na Escola de Cantería son eminentemente prácticos, por iso as saídas e visitas de estudos forman parte integral do proxecto educativo do centro. Froito desta formación práctica, moitas das obras de arte, como cruceiros, monolitos, conxuntos escultóricos, bustos, peanas ou construcións arquitectónicas, que levan a cabo as alumnas e alumnos están a ser situadas en lugares de Galicia, de toda España e tamén de Brasil, México, Arxentina, Panamá e Portugal. Ademais, antigos alumnos e alumnas están a traballar na restauración do Capitolio de Washington e do barrio de Chiado de Lisboa, así como a desenvolver actuacións de rehabilitación da Catedral de Santiago ou Westminster en Londres e de construción da Sagrada Familia de Barcelona.