Carmela Silva presenta mañá en Santiago «Cruzando Camiños» campaña promocional de Turismo Rías Baixas

Xornalistas e toureperadores estranxeiros están a percorrer o destino Rías Baixas. Na foto, na súa visita ao Castelo de Soutomaior acompañados pola deputada Chelo Besada Xornalistas e toureperadores estranxeiros están a percorrer o destino Rías Baixas. Na foto, na súa visita ao Castelo de Soutomaior acompañados pola deputada Chelo Besada

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, presentará mañá, ás 11:45 horas, a campaña promocional de Turismo Rías Baixas «Cruzando Camiños« a presentación terá lugar no marco da II Feira Internacional do Camiño de Santiago «Fair Way» que comeza mañá e se estenderá ata o 14 de novembro no Pazo de Congresos e Exposición de Galicia en Santiago de Compostela.

«Cruzando Camiños» busca amosar a touroperadores e profesionais do sector turístico, todo o potencial que o Camiño ten na provincia de Pontevedra así como nas singularidades turísticas das diferentes rutas que transcorren cara Compostela polas Rías Baixas. O día seguinte, o martes 14 de novembro, será a quenda do deputado provincial Carlos López Font quen participará na Mesa de Debate do Camiño Portugués, a partir das 16:30 horas, para abordar os retos desta ruta desde o punto de vista da planificación, sinalización e promoción a escala autonómica, estatal e internacional.

Ademais, a Deputación de Pontevedra contará cun stand propio de promoción destes cinco percorridos oficiais que transcorren polo noso territorio: o Camiño Portugués, o Camiño Portugués pola Costa, a Vía da Prata, o Camiño de Inverno e a do Río Ulla-Mar de Arousa. A través deste expositor, de carácter interactivo e situado a carón de lugares emblemáticos do Camiño como Asturias, Cantabria ou Viana do Castelo, amosarase dun xeito atractivo e innovador o potencial da provincia e, ademais, estará dispoñible para os concellos que queiran realizar encontros ou reunións no marco deste evento.

Coa súa participación na Feira Internacional do Camiño de Santiago “Fair Way”, a institución provincial busca colaborar co sector implicado no Camiño, tanto o privado como no eido das administracións, na labor de promoción e da dinamización turística do Camiño, a través deste abano de iniciativas que poñen a énfase tanto na imaxe institucional como nas accións promocionais que se desenvolven desde a Deputación de Pontevedra. En “Fair Way” participarán touroperadores estatais e internacionais, prensa especializada e institucións españolas e do norte de Portugal relacionadas co Camiño de Santiago.

Famtrip
Por outra banda, estes días, un grupo de vinte xornalistas e toureperadores estranxeiros están a percorrer o destino Rías Baixas. Máis polo miúdo o grupo, integrado por persoas de Portugal, Reino Unido, Italia, Arxentina, Xapón e España, están a realizar pequenos percorridos do Camiño Portugués e do Camiño Portugués pola Costa, coñecendo de primeira man o potencial cultural e turístico de ambas as dúas rutas.

Durante estes días, o grupo está a coñecer recursos turísticos como a Catedral de Tui, o Castelo de Soutomaior, bodegas da Denominación de Orixe Rías Baixas, a cidade de Pontevedra, a vila termal de Caldas de Reis ou os xardíns da camelia do Pazo de Rubianes, entre outras localizacións. No Castelo de Soutomaior, o grupo foi recibido o pasado venres pola deputada provincial Chelo Besada quen aproveitou para darlles a coñecer a riqueza patrimonial e natural do recinto e todas as novidades que o novo goberno da Deputación incorporou e está a incorporar no Castelo.