A AFG recibe unha visita de silvicultores de Aquitania interesados pola problemática do nematodo

O pasado xoves 5 de outubro propietarios franceses da rexión da Aquitania desprazáronse ata Galicia e Portugal de cara a coñecer de primeira man o problema e as medidas adoptadas no referente á praga do nematodo do piñeiro. As importantes superficie de piñeiro daquela rexión francesa levas aos seus propietarios a ver o avance desta praga con grande preocupación.

A Asociación Forestal de Galicia (AFG) recibiunos na súa estadía en Galicia ofrecéndolle unha sesión informativa na que se expuxeron as normativas e medidas adoptadas en Galicia dente a detección do primeiro foco en As Neves, o impacto na industria dos serradoiros locais e o incipiente programa de mellora xenética que se está desenvolvendo no Centro de Investigación Forestal de Lourizán.

Como complemento á sesión informativa realizouse unha visita á Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Taboexa, en concreto á superficie de erradicación de 1,5 km ao redor do foco de As Neves. Esta comunidade viuse afectada por unha corta masiva de piñeiros en 20 hectáreas de superficie. Os propietarios expuxeron as medidas adoptadas pola Administración naquelas datas, como o viviron e o que lles supuxo e sobre todo, lembraron que a superficie non recibiu axuda algunha específica da Administración para a rexeneración da zona.

Rematouse a xornada cunha visita á C.M.V.M.C. de Santa María de Porriño, dentro da área demarcada de 20 km de radio, onde é habitual o seguimento e corta de pés decaídos, moribundos e secos, tendo que adaptar a súa planificación forestal a este feito. Na zona tamén se comprobou como a administración forestal actúa directamente sobre piñeiros secos e decaídos presentes, procedendo a súa corta e trituración a través da empresa pública Tragsa.