A Deputación presenta o luns a compilación de poemas «Cartografías subterráneas»

A Deputación de Pontevedra presentará este luns día 9 o libro «Cartografías subterráneas», unha compilación dos poemas da pasada edición do Obradoiro de Tradución Poética de San Simón que foi editado polo Servizo de Publicacións provincial na colección Cíes.

O acto, que se desenvolverá no Arquivo Provincial a partires das oito da tarde, contará coa presenza do deputado de Cultura e Lingua Xosé Leal, a coordinadora dos obradoiros «Con barqueira e remador» Yolanda Castaño, e a coordinadora do exemplar Dores Tembrás, e incluirá un recital poético e unha actuación musical a cargo do grupo Xonxas.

A publicación do libro «Cartografías subterráneas» por parte da Deputación ten como obxectivo facer accesible ao público xeral o traballo realizado na V Edición do Obradoiro Internacional de Tradución Poética que se celebrou na illa redondelana do 17 ao 22 de outubro do 2016 coa presenza de seis participantes, catro deles procedentes de países da Europa do Leste.

O obradoiro, que se desenvolve de xeito anual, está concibido como unha iniciativa cultural pioneira en Galicia e no Estado español na que durante unha semana os autores e autoras participantes desenvolven un traballo de tradución a candansúa lingua da obra dos demais compañeiros e compañeiras, ao tempo que se somerxen na cultura galega.

Na V edición, procedente de Croacia, participou o poeta, dramaturgo, editor e tradutor Damir Sodan; desde Bulgaria estivo a poeta e ensaísta Tsvetanka Elenkova; desde Estonia, o poeta, editor, tradutor e mediador cultural Igor Kotjuh, e desde Ucrania, o poeta, tradutor, ensaísta e crítico literario Ostap Slyvynsky. Incorporouse por primeira vez a lingua castelá coa participación da poeta e videocreadora Miriam Reyes, que a pesares de nacer en Ourense se criou en Bos Aires, e que foi incluída no grupo para poñer en valor o seu traballo de edición e tradución ao castelán da antoloxía de poesía galega contemporánea «Punto de ebullición». A presenza galega recaeu na poeta e editora Dores Tembrás. O resultado do traballo de tradución realizado o pasado ano está agora xa recompilado grazas á propia Tembrás, que foi a encargada da coordinación final do libro.