Propostas da Deputación para mellorar a eficiencia dos Grupos de Emerxencia Supramunicipal

A Deputación de Pontevedra trasladou onte á Comisión de Seguimento do Convenio de colaboración subscrito entre a Xunta de Galicia, a Fegamp e as Deputacións provinciais en materia de emerxencias e prevención e defensa contra incendios forestais para a creación e implantación dos Grupos de Emerxencia Supramunicipais (GES), dúas propostas para mellorar a eficiencia dos mesmos na provincia de Pontevedra.

Máis polo miúdo, as propostas do deputado Carlos López Font que a institución provincial levou á comisión centráronse no impulso do modelo de isocronas para estes grupos e na adopción dun sistema de dobre sede para Sanxenxo-O Grove, similar ao existente na Estrada-Lalín, que regularice a situación administrativa do grupo municipal do concello meco e atenda ás particularidades xeográficas e poboacionais da vila.

Así, o deputado provincial Carlos López Font informa na proposta da necesidade de cambiar o modelo de asistencia aos concellos que prestan as sete bases ou zonas de actuación dos GES situadas en Sanxenxo, Valga, A Estrada, Lalín, Ponteareas, Nigrán e A Guarda. Neste contexto, o deputado provincial formula “a necesidade de impulsar un modelo de isocronas que dea resposta efectiva aos concellos da parte este e central da provincia que carecen de bases de medios de emerxencia”. Font asegura que “dende o concello da Lama, no Leste, ata o concello de Vilaboa e dende o concello de Cerdedo-Cotobade, no Norte, ata Covelo no Sur da provincia existe un déficit de medios que fai que esa parte do territorio sexa máis vulnerable ante as incidencias”. Por este motivo, o deputado solicita a posta en marcha dun modelo asentado en mapas de isocronas, en lugar de por comarcas, para un tempo de resposta de 30 minutos como máximo.

Outra das propostas que trasladou a institución provincial á Comisión de Seguimento dos GES foi a creación dunha subsede no Grove, compartindo a zona co concello de Sanxenxo, para regularizar a situación administrativa do grupo municipal de emerxencias existente no concello e atender as particularidades xeográficas e poboacionais da vila. Ao respecto, Font informou que dende o ano 2014 se veñen subscribindo convenios entre a institución provincial, o concello e a administración autonómica para garantir o funcionamento dun grupo municipal de emerxencias que atenda á vila. Segundo asegura o deputado provincial “o que pedimos é regularizar estes convenios que se firman cada ano e converter a O Grove nunha subsede do GES do Salnés atendendo ás particularidades xeográficas do Grove - establecido nunha península cun único acceso que provoca que ao acontecer algunha emerxencia os servizos teñan un elevado tempo de resposta para actuar no municipio-, e poboacionais, ao tratarse dun concello turístico con grande crecemento demográfico no verán”.

O sistema que propón a Deputación de Pontevedra á Comisión de Seguimento dos GES non supón ningún coste a maiores, xa que se estaban asinando convenios anuais co concello do Grove todos os anos, e trata de normalizar a situación dentro do mapa dos GES para que O Grove conte cun servizo conxuntamente coa sede de Sanxenxo de xeito similar ao que acontece na Estrada e Lalín.

A institución provincial valorou como moi positiva a acollida das propostas na Comisión de Seguimento dos GES e a vontade de colaborar coa Deputación de Pontevedra que amosou o director de Emerxencias da Xunta de Galicia, Luis Menor.

Por outra parte o goberno provincial, que segue a espera de que se convoque a Comisión Técnica para o estudo do cambio do modelo comarcal ao modelo de isocronas no Consorcio Provincial Contra Incendios, volve a insistir ante a Xunta para que peche a reunión da Mesa. Así, o deputado Carlos Font recorda que “dende abril que se propuxo e aprobou no pleno do Consorcio a posta en marcha desta comisión estamos a esperar que se convoque para impulsar un novo modelo que dea resposta eficaz e eficiente ás emerxencias que poidan acontecer en toda a provincia de Pontevedra”.