Nenos e nenas do campamento polideportivo da Deputación visitan o Ecoparque de Marín

A deputada de Cohesión Social e Xuventude, Digna Rivas, acompañou a un grupo de cincuenta nenos e nenas do «Campamento polideportivo» da Deputación de Pontevedra durante a súa visita ao Ecoparque de Marín, un espazo multiaventura que se atopa nun enclave forestal especialmente coidado, onde as mozas e os mozos puideron gozar dunha xornada chea de actividades en contacto coa natureza.

As nenas e os nenos participantes no «Campamento polideportivo» pasaron unha xornada lúdica xogando a trepar polas diferentes estruturas do parque, percorrendo circuítos de diferentes dificultades nas árbores que inclúen pontes, trapecios, pasarelas e tirolinas, e que se integran na paisaxe camuflándose perfectamente co entorno. Ademais, ao medio día, celebraron un pequeno pic-nic campestre comendo ao aire libre.

Os «Campamentos polideportivos», que comezaron o pasado mes de xullo e se prolongarán ata finais de agosto, teñen lugar nas instalacións do Centro Príncipe Felipe da Deputación de Pontevedra e acollen a 300 rapaces e rapazas que se distribúen en 6 quendas ao longo dos dous meses (do 10 ao 15 de xullo, do 17 ao 22 de xullo, do 24 ao 29 de xullo, do 7 ao 12 de agosto, do 14 ao 19 de agosto e do 21 ao 26 de agosto). O programa inclúe o desenvolvemento de actividades relacionadas coa natureza, deportes, aire libre, xogos e calquera outra que contribúa a ese obxectivo así como deportes en equipo, actividades acuáticas o obradoiros.

Este ano, como principal novidade fronte á anterior edición, o campamento conta con descontos para familias numerosas. No caso das familias con ata tres fillos ou fillas, aplícase unha rebaixa do 20%, e no caso das que teñen máis de tres do 30%, sobre os 125 € que custa a inscrición por persoa. Ademais, os campamentos reservan 30 prazas para as nenas e nenos do Príncipe Felipe.

Os campamentos polideportivos no Centro Príncipe Felipe están destinados ás nenas e nenos nacidos entre os anos 2003 e 2010, ambos os dous incluídos, que teñan o seu domicilio habitual en calquera dos concellos da provincia de Pontevedra.