Máis de 1.600 persoas de 22 concellos participaron nas charlas «Tempo de Saúde»

O ciclo «Tempo de saúde», organizado pola Deputación de Pontevedra en colaboración co Colexio Oficial de Médicos e Médicas de Pontevedra, chegou a máis de 1.600 persoas nun total de 22 concellos da provincia. “Cifras que avalan o noso compromiso cos veciños e coas veciñas de Pontevedra e que ratifican que para este Goberno provincial o prioritario sempre son as persoas”, explicou a deputada provincial de Cohesión Social e Xuventude, Digna Rivas, que fixo hoxe balance desta iniciativa.

«Tempo de Saúde» púxose en marcha este ano por primeira vez nunha iniciativa que Rivas cualificou como “auténtico éxito". A deputada de Cohesión Social subliñou que o obxectivo principal "quedou máis que superado e non era outro que concienciar aos veciños e veciñas da provincia en temas de saúde moi habituais que lles afectan ou lles poden afectar directamente. Superamos con creces as nosas expectativas e iso é o que nós queremos, dende a Deputación o importante sempre é traballar para as persoas”.

«Tempo de saúde» consistiu nunha serie de charlas e coloquios en distintos municipios da provincia, impartidas por profesionais médicos especialistas en cada materia. Dirixíronse a tres tipos de público: terceira idade, xuventude, así como a usuarios e usuarias e familias de entidades de iniciativa social e sociosanitaria, aínda que todas as accións estaban tamén abertas ao público en xeral, “e o bo é que en todas elas participou moita xente e abriuse un construtivo diálogo e debate entre profesionais e público, que é o que nós queríamos”, destacou a deputada.

As accións formativas destinadas á xuventude contaron coa participación duns 1.100 estudantes de 10 centros educativos da provincia. Centráronse en dúas temáticas: Nutrición e saúde en Nigrán, O Porriño, A Guarda, Cambados, Lalín e Poio; e Prevención de enfermidades de transmisión sexual en Catoira, A Estrada, Redondela e Silleda. Rivas resaltou a importancia destas últimas charlas “moi interesantes para a mocidade para achegarse a unha temática da que cren ter moita información, pero os datos e as estatísticas estannos alarmando de que non é así en absoluto”.

DignaRivas tempo de saude 02

As charlas para a terceira idade chegaron a preto de 600 persoas de 8 concellos da provincia. Trataron tamén dúas temáticas: Trastornos depresivos e ansiedade en Ribadumia, Tomiño, Caldas de Reis, Cerdedo-Cotobade e A Illa de Arousa; Hospitalización a domicilio e telemedicina en Ponteareas, O Grove e Marín.

Grazas á colaboración do Colexio Oficial de Médicos e Médicas de Pontevedra, cada iniciativa contou coa presenza dun profesional médico especializado nas distintas temáticas, procurando sempre que fosen doutores e doutoras da zona onde se desenvolveu a charla, “buscando así a proximidade entre as persoas asistentes e os e as profesionais, propiciando un clima axeitado para o diálogo e o debate”, sinalou a deputada. En total, participaron 13 profesionais da medicina con avalada traxectoria profesional en cadansúa área médica.

«Tempo de saúde» pecharase a vindeira semana con dúas charlas en Vigo e en Pontevedra, dirixidas sobre todo a persoas usuarias e familias de entidades de iniciativa social e sociosanitaria da provincia. Desenvolveranse tamén outros dous relatorios en Cuntis e en Salceda de Caselas, que non puideron ter lugar en datas anteriores.

Enfermidades raras e neurodexenerativas será o tema a tratar en Vigo o vindeiro martes, 11 de decembro, no salón de actos do edificio do Antigo Reitorado. Participarán o doutor Alberto José Rivera Gallego, do Servizo de Medicina Interna do CHUVI e Carmen López Rodríguez, especialista en Psicoloxía Clínica e directora da Federación Galega de Enfermidades Raras e Crónicas, “unha auténtica referente na actualidade en canto a enfermidades raras”. A deputada provincial salientou ademais que esta acción versará sobre unha temática non tratada en ningunha outra charla, “xa que é un tema de moito interese e moi demandado polas familias”.

En Pontevedra falarase de Trastornos depresivos e ansiedade o xoves, 13 de decembro, no salón de actos do Museo de Pontevedra. No relatorio estarán a profesora de Psicoloxía Médica e Neuropsicoloxía da Universidade Autónoma de Madrid, Alejandra Vallejo-Nágera, e o actual xefe do Servizo de Psiquiatría do CHOP, Alfonso Casas Losada. Estas dúas últimas accións que pecharán o ciclo «Tempo de saúde» diríxense especialmente ás entidades de iniciativa social, pero como todas as demais estarán abertas ao público en xeral.