Carmela Silva toma ideas para os proxectos de musealización no «Born» de Barcelona

A presidenta da Deputación Carmela Silva con Antoni Nicolau no Born de Barcelona A presidenta da Deputación Carmela Silva con Antoni Nicolau no Born de Barcelona

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, rematou esta mañá a axenda institucional en Barcelona, centrada onte no workshop entre as empresas turísticas da provincia e o potente sector catalán e na presentación do destino Rías Baixas, cunha visita ao «Born, Centre de Cultura i Memoria» da cidade condal.

A presidenta provincial estivo acompañada no percorrido por Antoni Nicolau, antigo director do Museu d´Historia de la Ciutat de Barcelona, amais de implicado na dirección da musealización do Born, e actual comisario de “Galaicos: un pobo entre dous mundos” e director do proxecto de musealización do Castelo de Soutomaior. O obxectivo da visita estivo centrado nos próximos proxectos para a modernización e musealización doutros espazos públicos do patrimonio da provincia de Pontevedra, que o goberno da Deputación xa ten avanzados.

born barcelona CarmelaSilva 02De feito, Carmela Silva asegurou que, xunto a espléndida musealización de Soutomaior, a Deputación de Pontevedra xa está inmersa en novos proxectos para potenciar o patrimonio cultural e histórico da provincia. Por estes motivos, tal e como indicou a presidenta, “queremos coñecer opcións desenvolvidas con éxito noutros lugares e o Centre de Cultura de El Born, cun ambicioso proxecto no que traballou Antoni Nicolau que coñece tan ben a nosa provincia, ten que ser un dos referentes a ter en conta”.

Máis polo miúdo, o obxectivo da visita da presidenta da man do propio NIcolau, foi estudar as posibilidades de implantar ideas similares nas iniciativas que se van a desenvolver para a posta en valor do patrimonio das Rías Baixas. Silva insistiu en que “estamos a desenvolver políticas turísticas diferentes, vangardistas, modernas, sostibles e respectuosas coa historia para buscar un turismo máis desestacionalizado e de excelencia, dirixido a ese público máis esixente que sabemos que nunha grande porcentaxe busca patrimonio e cultura cando nos visita”.

O Centre de Cultura i Memòria de El Born é un espazo público activo, no que se pode gozar do patrimonio desde calquera punto do recinto. Amais complétase con sala de exposicións, cafetería e espazo de acollida museístico. Moitas destas ideas desenvolvidas en El Born, tal e como destacou Carmela Silva, xa foron incorporadas ao Castelo de Soutomaior a través do proxecto de musealización, inaugurado en maio, “un proxecto que revolucionou o espazo, multiplicou as visitas e permitiu que agora mesmo sexa un dos referentes turísticos e culturais da nosa provincia”, dixo a presidenta.