A Deputación convoca un posto directivo para cubrir a dirección do Museo

A convocatoria, na que está traballando o departamento de Recursos Humanos da Deputación e que se prevé publicar no BOPPO de xeito inminente, estará dirixida a persoas que teñan a condición de funcionarias de carreira ou laborais fixas das Administracións Públicas do grupo A1, que estean en posesión do título de Historia da Arte, Belas Artes, ou calquera outra disciplina análoga relacionada coas humanidades e ter unha experiencia profesional acreditada.

A selección entre as persoas aspirantes realizarase seguindo principios de mérito e capacidade e criterios de idoneidade, competencia profesional e experiencia. Así, valorarase ter exercido funcións de dirección, xerencia, coordinación ou programación de Museos ou Centros de Arte en calquera das Administracións Públicas; así como acreditar experiencia no desempeño de postos de responsabilidade no ámbito da cultura e no establecemento de relacións institucionais a nivel nacional e internacional.

Para cubrir esta praza tamén está previsto esixir que as persoas aspirantes presenten un proxecto de dirección e organización do Museo que debe incluír o enfoque de xénero de xeito transversal, a posta en valor das coleccións existentes e unha proposta de musealización enfocada á reapertura dos edificios actualmente pechados ao público.

Ao igual que noutras convocatorias para postos directivos da Deputación, no exercicio do cargo, a nova directora ou director do Museo quedará sometido aos principios de interese xeral, integridade (sen incorrer en risco de conflitos de intereses), obxectividade (tomando decisións á marxe de posición persoais, familiares, corporativas ou doutra índole), transparencia e responsabilidade, e austeridade (xestionando os recursos públicos con eficiencia e racionalización do gasto).

Durante o período que transcorra ata a resolución da convocatoria, o Museo continuará coa actividade diaria e coa programación prevista baixo os criterios técnicos do persoal dos distintos departamentos que o integran.