Ocupación hoteleira en Pontevedra, superior ao 54% en outubro e a ponte de novembro

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, deu a coñecer esta mañá os datos relativos á ocupación hoteleira do pasado mes de outubro e da ponte de novembro. En concreto, a provincia de Pontevedra rexistrou unha ocupación media en establecementos hoteleiros do 54,5% durante o mes de outubro e do 54% durante a ponte. No caso do turismo rural, a porcentaxe foi do 30% en outubro e do 53,10% durante a ponte do 1 de novembro.

Para a presidenta da Deputación, os resultados acadados durante o mes de outubro e a pasada ponte “poñen de manifesto que imos cara a desestacionalización e nos anima a seguir apostando por un turismo máis sustentable, internacionalizador, de calidade e centrado no conxunto do territorio”. Ademais, Silva puxo en valor a importancia dos grandes eventos e das festas de interese turístico como elementos con capacidade para atraer a visitantes fóra de temporada turística alta. Neste eido, a presidenta destacou que a porcentaxe en outubro en establecementos hoteleiros foi do 54,5% pero “algúns fins de semana do mes chegamos ao cheo absoluto, sobre todo os coincidentes coa feira Conxemar e coa Festa do Marisco”.

No mes de outubro, a comarca do Salnés rexistrou unha ocupación do 57% semellante ao 56% que acadou durante a ponte. Pola súa banda, Pontevedra acadou un 70% de ocupación hoteleira durante outubro e tamén durante o primeiro de novembro. No caso da comarca do Morrazo a porcentaxe foi do 40% en outubro e foi superada en ata dez puntos durante a ponte; Caldas acadou o 94% e un 76% durante a pasada fin de semana; Vigo rexistrou un 75% en outubro e un 60% na ponte de novembro; O Baixo Miño rozou o 35% durante o mes de outubro e unha porcentaxe semellante na pasada ponte; as comarcas do Condado e da Paradanta superaron o 20% durante o mes de outubro e acadaron o 60% na pasada fin de semana e Deza e Terra de Montes rozaron o 45% durante outubro e o 35% durante a ponte.

Pola súa banda, o turismo rural acadou unha ocupación media na provincia durante outubro do 30%, rexistrando porcentaxes superiores nas comarcas do Condado, A Paradanta, Caldas e O Morrazo. Na ponte, a porcentaxe nos establecementos rurais superou o 53,1%, chegando a cifras semellantes ás dos establecementos hoteleiros e superar o 73% en zonas do interior como Deza e Terra de Montes.

A presidenta da Deputación tamén explicou que o Castelo de Soutomaior recibiu en outubro a máis de 2.800 persoas e puxo en valor o incremento na porcentaxe de turistas internacionais. Neste eido, Silva destacou que “en outubro recibimos a un 74% de persoas procedentes de España —concretamente de León, Madrid, Navarra, Badaxoz e Guipúzcoa— e un 26% de turistas internacionais, unha porcentaxe que está en alza e trouxo en outubro a persoas desde Alemaña, Portugal, Italia, Reino Unido e Francia”.

En xeral, e tal e como explicou a presidenta da Deputación, a maioría das persoas visitantes conta con idades comprendidas entre os 35 e 60 anos e se aloxa en hoteis entre 4 e 5 días. Amais, o 52% das persoas que chega ata a provincia fixérono motivadas pola oferta cultural e de ocio.