O Servizo de Igualdade da Deputación convoca unha concentración contra os ataques machistas

O Servizo de Igualdade da Deputación de Pontevedra convocou para este próximo mércores unha concentración de condena "de todo tipo de comportamentos e ataques machistas ás mulleres, e especialmente do machismo institucional dos cargos públicos". Baixo o lema de «Machismo institucional. Nin un minuto máis», a concentración xurde en repulsa "aos últimos insultos machistas do alcalde de Vilanova de Arousa, Gonzalo Durán".

A concentración servirá para reclamar "o cesamento inmediato de calquera comportamento relacionado coas violencias machistas e coas distintas formas de discriminación e violencia que sufrimos as mulleres", sinalan dende o Servizo de Igualdade da administración provincial. A protesta terá lugar este mércores as 20:00 h no encontro da rúa Daniel de la Sota coa rúa Peregrina, na cidade de Pontevedra.

Esta concentración, á que se convoca a toda a cidadanía, enmárcase nas habituais convocatorias da Área de Igualdade da institución provincial, desde a chegada deste goberno á Deputación de Pontevedra, "como protesta e en resposta a cada comportamento machista e de ataque ás mulleres polo feito de selo".