Carmela Silva: "ningunha administración investiu tanto coma este Goberno no Condado-Paradanta"

A Presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, deu a coñecer hoxe, nunha comparecencia na Cañiza, que a institución provincial investiu nos tres anos do actual Goberno preto de 30 millóns de euros nas comarcas do Condado e da Paradanta. “É o maior investimento da historia da Deputación nos concellos de Ponteareas, As Neves, Salvaterra de Miño, Mondariz, Mondariz-Balneario, A Cañiza, Arbo, Covelo e Crecente, dixo Silva, dos que máis de 18 millóns de euros corresponderon ao Plan Concellos e case 12 millóns ás distintas áreas do goberno provincial”.

“Falo de datos obxectivos, de números que se poden comprobar un a un, subliñou a presidenta. Estas son as cifras que ninguén poderá refutar e o que significa é moi importante: que non hai actividade ou servizo nos concellos de menos de 20.000 habitantes que non leven o selo da financiación desta Deputación”. Carmela Silva, que relatou todos os datos dos últimos tres anos de investimentos na comarca, engadiu que “ningunha administración investiu como este goberno nestes concellos que nunca tiveron tantos recursos en toda a historia da democracia”.

En liñas xerais, a Deputación investiu nestas comarcas preto de medio millón de euros en Emprego (e, a maiores, outros tres millóns do Plan Concellos destinados a esta finalidade), 1.500.000 € na área de Cohesión Social e Xuventude, preto de 300.000 € en Deportes, máis de 600.000 € en Cultura, preto de 4,5 millóns de euros en Mobilidade, 150.000 euros para a Igualdade entre mulleres e homes, arredor de 1,2 millóns de euros en Medio Ambiente, outros 150.000 € na área de Novas Tecnoloxías e preto de medio millón de euros en Turismo. A estes investimentos hai que engadir o Plan de Reequilibrio da Deputación que, con proxectos por case 2 millóns de euros, beneficia aos concellos de A Cañiza, Covelo, Crecente, Mondariz e As Neves, concello este último que no 2016 tamén percibiu, ao través do Plan PICEI financiación para a mellora do abastecemento de auga no municipio.

carmela silva investimentos condado03

Dentro da área de Emprego, Carmela Silva informou de que “en tres anos financiamos no Condado e na Paradanta a creación de 568 postos de emprego e de formación, cun investimento de 3.685.000 euros” entre o Plan Concellos, con 3.200.000 €, e os distintos plans de práctica laboral e de mobilidade europea, outros 485.000 €. A través do Plan Concellos “creamos 307 empregos no Condado e 193 na Paradanta, un total de 500 empregos”, sinalou Carmela Silva, que se distribúen da seguinte maneira: 49 nas Neves (349.000 €), 38 en Mondariz-Balneario (170.000 €), 53 en Mondariz (330.000 €), 103 en Ponteareas (770.000 €), 64 en Salvaterra (466.000 €), 62 en Covelo (300.000 €), 54 na Cañiza (350.000 €), 46 en Arbo (252.000 €) e 31 en Crecente (250.000 €).

O investimento da Deputación dentro do Plan de Práctica Laboral nos concellos foi de 380.000 euros: 247.000 € no Condado e de 133.000 € na Paradanta, cun total de 35 bolseiros e bolseiras no Condado (4 nas Neves, 6 en Mondariz, 6 en Mondariz-Balneario, 13 en Ponteareas e 6 en Salvaterra) e 17 na Paradanta (5 en Covelo, 5 na Cañiza, 4 en Arbo e 3 en Crecente), ás que habería que sumar a achega de dúas bolseiras e bolseiros a dúas empresas de Ponteareas, cun importe superior aos 17.000 €, dentro do Plan de Práctica Laboral en empresas. Ademais, 14 prazas dentro do programa de mobilidade estudantil Erasmus+ Practicum Depo para mozas e mozos da comarca: 3 das Neves, 7 de Ponteareas e 4 de Salvaterra. O investimento ao abeiro deste programa sitúase nestes momentos en 88.000 €.

No apartado de Cohesión Social e Xuventude, o achegado ao Condado e á Paradanta supera o millón e medio de euros: 1.549.552 € que permitiron, entre outros aspectos, mobilizar a máis de 3.500 veciñas e veciños de 50 asociacións cos programas provinciais de actividades. A Deputación investiu 1.200.000 € no plan de cofinanciamento dos servizos comunitarios (do que Ponteareas non se beneficiou por ter máis de 20.000 habitantes), 587.000 € na Paradanta (129.000 € en Covelo, 177.000 € na Cañiza, 178.000 € en Arbo e 103.000 € en Crecente) e 595.000 € no Condado (113.000 € nas Neves, 211.000 € en Mondariz-Balneario, 56.000 € en Mondariz e 215.000 € en Salvaterra do Miño). Ademais, a institución provincial achegou un total de 199.550 € para axudas de emerxencia (das que Ponteareas tampouco se beneficiou polo mesmo motivo): 21.300 € nas Neves, 26.500 € en Mondariz-Balneario, 28.950 € en Mondariz, 36.000 € en Salvaterra, 19.500 € en Covelo, 26.500 € na Cañiza, 21.300 € en Arbo e 19.500 € en Crecente.

carmela silva investimentos condado02

Así mesmo, a Deputación mellorou a vida das persoas maiores das comarcas a través do financiamento do programa de teleasistencia, no que participaron 179 homes e mulleres cunha achega de 14.000 €: 27 persoas das Neves, 44 de Mondariz, 3 de Mondariz-Balneario, 16 de Salvaterra, 29 de Covelo, 26 persoas da Cañiza e 34 de Crecente. Nas liñas de axudas a colectivos sociais, beneficiáronse un colectivo de Crecente, 4 de Ponteareas e 2 de Salvaterra con achegas superiores aos 33.000 €.

 

No que se corresponde cos programas de actividades e de atención cidadá, Carmela Silva sinalou que “mobilizamos a 3.550 persoas das comarcas a través de Depo en Marcha, En Ruta coa Depo, Depotermal, Tecendo Lazos, DepoRúARTE e Depo Aventura A Lanzada”. En Depo en Marcha participaron 524 persoas (59 de Covelo, 13 da Cañiza, 60 de Arbo, 16 de Crecente, 82 de Mondariz e 294 de Ponteareas). En En Ruta coa Depo participaron un total de 2.165 persoas (158 de Covelo, 173 de Arbo, 282 de Crecente, 162 da Cañiza, 55 das Neves, 460 de Mondariz, 774 de Ponteareas e 101 de Salvaterra) de 45 asociacións das dúas comarcas. Un total de 375 persoas (52 de Covelo, 65 de Arbo, 106 de Crecente, 5 da Cañiza, 37 de Mondariz, 2 de Mondariz-Balneario, 53 de Ponteareas e 55 de Salvaterra) gozaron do termalismo de #PontevedraProvincia grazas ao programa Depotermal e outras 77 persoas reforzaron os lazos afectivos entre distintas xeracións dunha mesma familia grazas aos obradoiros de Tecendo Lazos: 38 en Mondariz, 29 en Salvaterra e 10 en Covelo. Para as máis novas e os máis novos, a Deputación de Pontevedra levou as súas actividades de arte urbana no marco de DepoRúARTE a 145 mozas e mozos: 13 da Cañiza, 121 de Mondariz e 11 de Ponteareas, coa colaboración do CPI Mondariz e o IES Barral de Ponteareas. Tamén entre o sector máis novo, 363 menores se beneficiaron dos campamentos de Depo Aventura A Lanzada: 22 da Cañiza, 10 de Arbo, 4 de Crecente, 10 das Neves, 15 de Mondariz, 2 de Mondariz-Balneario, 135 de Ponteareas e 65 de Salvaterra.

En canto a Deportes, Carmela Silva sinalou que “investimos preto de 300.000 € en axudas, beneficiando a máis de 80 clubs, entidades, asociacións e deportistas da comarca”. A Presidenta provincial informou en primeiro lugar da liña de axudas ao deporte federado das categorías base e inferiores. A Presidenta resaltou que “supuxeron un aumento nas cantidades, que se incrementaron en 200.000 € desde 2015 e nos permitiron chegar a un 10% máis de clubs en toda a provincia”. No caso do Condado e a Paradanta, beneficiaron a 10 clubs de fútbol e 40 asociacións deportivas, cun total de 105 achegas e un investimento de 118.500 €. Ademais, a Deputación investiu 80.000 € na liña de achegas aos clubs de categoría estatal nas súas disciplinas, beneficiando a 4 clubs e outros 5.000 € en deporte náutico, para o Club Tea de Mondariz-Balneario. No apartado de organización de actividades, eventos e probas deportivas, a institución provincial achegou un total de 45.000 € que permitiron financiar 23 actividades: 10.000 € nas Neves, 7.000 € en Mondariz, 13.000 € en Ponteareas e 15.000 € en Salvaterra.

Na liña de achegas a deportistas individuais, a Deputación colaborou con 11 deportistas de Ponteareas, Salvaterra, Mondariz, Covelo e Arbo por un importe de 4.000 €. Ademais, a Copa Deputación supuxo a participación con éxito de 13 clubs de fútbol por valor de preto de 15.000 €. A Deputación de Pontevedra tamén instalou 12 DEPOrte Escolas nos concellos das Neves, Mondariz, Ponteareas e Covelo, que atenderon a máis de 250 nenas e nenos que practicaron judo, patinaxe, balonmán, fútbol e piragüismo. Outros e outras 56 menores chegaron desde As Neves (2), Mondariz (1), Ponteareas (33), Salvaterra (15) e Covelo (5) aos campamentos polideportivos Príncipe Felipe e a Presidenta tamén resaltou as achegas a través de DEPOcomparte para o préstamo de material a clubs das comarcas para a realización de competicións e actividades deportivas.

Na área de Cultura, a Deputación de Pontevedra investiu máis de 600.000 € para realizar máis de 100 actividades dos concellos, das asociacións, das entidades e das comisións de festas do Condado e a Paradanta. A Presidenta lembrou que “cada ano desenvolvemos unha liña de colaboración co tecido socio-cultural da provincia, cunha temática diferente: Ano Castelao, Ano do Patrimonio e Ano da Lingua. A través deste novo concepto achegamos en tres anos máis de 46.000 €” para desenvolver 2 actividades en Covelo, 1 na Cañiza, 12 en Arbo, 8 en Mondariz, 12 en Salvaterra, 11 en Ponteareas e 4 nas Neves, un total de 50. Dentro das axudas para a dinamización da lingua galega, cunha liña dirixida a concellos e outra a entidades culturais, destináronse 88.000 € que chegaron aos concellos das Neves, Mondariz, Ponteareas, Salvaterra, Covelo, A Cañiza e Arbo (58.000 €), e tamén a colectivos sociais das Neves, Ponteareas, Salvaterra e Arbo (30.000 €). Ademais, a institución provincial achegou 130.000 € á rehabilitación e sinalización do patrimonio das Neves (16.000 €), Mondariz (12.500 €), Mondariz-Balneario (12.000 €), Ponteareas (45.000 €), Salvaterra (25.000 €), Covelo (16.000 €), A Cañiza (6.400 €) e Arbo (8.000 €). Destacan nesta liña distintas rehabilitacións na fortaleza de Salvaterra, o Xulgado de Paz da Cañiza, a Casa do Concello de Mondariz-Balneario ou a Biblioteca-Museo de Ponteareas, entre outras actuacións. A Deputación tamén investiu 272.000 € na colaboración cos concellos e comisións de festas para contratar grupos de música e baile co programa Pontegal: 32.000 € nas Neves, 20.000 € en Mondariz, 64.000 € en Ponteareas, 67.000 € en Salvaterra, 17.000 € en Covelo, 11.000 € na Cañiza, 35.500 € en Arbo e 26.000 € en Crecente.

En canto á Mobilidade, a Presidenta Carmela Silva lembrou que o investimento foi superior a 4 millóns de euros (4.336.400 €) para a realización de “obras de mellora en todas as estradas provinciais do Condado e a Paradanta e distintos plans de mobilidade”. Nos últimos tres anos, sinalou, “licitamos e/ou iniciamos obras por importe de preto de tres millóns e medio de euros, 33 actuacións en todas as estradas provinciais neste territorio”, en viarios das Neves (368.000 €), Mondariz (894.000 €), Ponteareas (159.000 €), Covelo (392.000 €), A Cañiza (992.000 €), Arbo (250.000 €) e Crecente (318.000 €). Tamén se financiou cun total de 144.000 € a realización de 16 asistencias técnicas necesarias para o bo desenvolvemento das obras, nas Neves, Mondariz, Ponteareas, Covelo, A Cañiza e Crecente. Entre as obras destaca a mellora da mobilidade peonil e seguridade viaria, mellora de drenaxe e capa de rodadura, construción de muros, melloras da sinalización e obras de emerxencia

O Plan Móvese achegou máis de 480.000 € ás comarcas, en todos os concellos agás Mondariz-Balneario, coa construción de 53 pasos peonís (13 nas Neves, 5 en Mondariz, 15 en Ponteareas, 6 en Salvaterra, 4 en Covelo, 2 na Cañiza, 3 en Arbo e 5 en Crecente) e a instalación de 47 redutores de velocidade (8 nas Neves, 12 en Mondariz, 21 en Ponteareas, 5 en Covelo e 1 en Arbo). A Deputación investiu nas 33 estradas provinciais localizadas en todos os concellos das comarcas 131.000 € co Plan de sinalización viaria e 145.000 € co Plan de pintado das estradas, así como investiu 81.000 € no Plan de desbroces e limpezas para actuar nun total de 416.975 metros.

carmela silva investimentos condado04

Na área de Igualdade, o investimento foi de preto de 150.000 € para “fomentar a igualdade e a concienciación contra as violencias machistas con máis dun centenar de cursos”, sinalou a Presidenta Carmela Silva, que informou de que grazas á colaboración cos concellos de menos de 20.000 habitantes para a implantación de accións e medidas para o fomento da igualdade e a prevención das violencias machistas, puidéronse financiar 11 actuacións: a redacción de plans de igualdade nas Neves, Salvaterra e Covelo e a realización de actividades de sensibilización e relacións saudables nas Neves, Mondariz, Arbo e A Cañiza. A través do programa Conectadas, financiáronse 127 cursos por valor de 106.000 € colaborando con asociacións veciñais, de mulleres e asociacións culturais, achegando formación transversal en igualdade: 9 cursos nas Neves (4.300 €), 15 en Mondariz (13.000 €), 3 en Mondariz-Balneario (3.000 €), 72 en Ponteareas (62.000 €), 3 en Salvaterra (3.000 €), 5 en Covelo (4.000 €), 5 na Cañiza (4.000 €), 8 en Arbo (7.000 €) e 10 en Crecente (9.000 €). Ademais, os programas Mulleres en Acción. Violencia Zero e Cinema e Muller chegaron ás Neves, A Cañiza, Ponteareas e Salvaterra, cun investimento próximo aos 4.000 €.

A Deputación tamén investiu 1,2 millóns de euros en Medio Ambiente para implantar “un novo modelo de sustentabilidade e coidado da nosa contorna e dos nosos sectores produtivos”, resaltando o Plan Revitaliza con máis de 960.000 € investidos no Condado e a Paradanta, entre os convenios con Amigos da Terra e as achegas de materiais e composteiros para As Neves (352.000 €), Mondariz (391.000 €) e Mondariz-Balneario (212.000 €) e tamén coa instalación de cinco composteiros comunitarios nas Neves, Mondariz, Mondariz-Balneario e Ponteareas (dous) cuxa xestión corre a cargo do persoal da Deputación de Pontevedra, persoal que tamén elaborou os plans de residuos destas vilas.

A liña de mellora dos montes mediante a creación de parques forestais supuxo ata agora máis de 118.000 € con 7 actuacións no parque da Serra de San Fins (As Neves), os parques de Gargamala, A Lagoa e Viveiros da Franqueira (Mondariz) e os parques da Picaraña, Seixiforna-Viveiro e San Cibrán-Muiños-Couso (Ponteareas). A liña de mantemento dos campos de fútbol, con maquinaria e persoal propio, permitiu realizar 34 actuacións en Covelo, A Cañiza, Arbo, As Neves, Mondariz, Ponteareas e Salvaterra por valor de 72.000 €. As liñas de axudas ao sector primario beneficiaron á cooperativa Nutre en BIO de Salvaterra (4.600 €), á Asociación de desenvolvemento rural Ódega das Neves (30.000 €) e á Confederación Hidrográfica de Mondariz (59.000 €).

No apartado de Novas tecnoloxías o investimento da Deputación de Pontevedra sitúase preto dos 153.000 € “para implantar a administración electrónica e impulsar as TIC a través do servizo SmartPeme”. No caso da administración electrónica, o investimento foi de 43.000 € para formar a un total de 515 persoas funcionarias (36 de Covelo, 67 da Cañiza, 33 de Arbo, 47 de Crecente, 25 das Neves, 44 de Mondariz, 27 de Mondariz-Balneario, 180 de Ponteareas e 56 de Salvaterra), e pola súa banda SmartPeme beneficiou a 55 empresas (5 da Cañiza, 9 de Mondariz, 38 de Ponteareas e 3 de Salvaterra) desde a oficina de Ponteareas, cun investimento de 110.000 euros.

En canto a Turismo Rías Baixas, o investimento nas comarcas situouse en preto de 500.000 euros. Carmela Silva lembrou que “este Goberno ten unha decidida aposta pola posta en valor do turismo de interior, colaborando cos concellos e cos colectivos das comarcas para a promoción dos seus recursos”. O Goberno provincial investiu nestes tres anos 7.000 € en actuacións de promoción nos concellos de Arbo, As Neves, Mondariz-Balneario e Salvaterra: gastronomía, enoturismo, rutas, blog trips, campañas de patrimonio material e inmaterial, de promoción dos museos e o patrimonio literario ou de turismo familiar e termal... Ademais, o Plan de Mellora do Castelo do Sobroso, cunha inxección de 388.000 €, permitiu “convertelo nun referente turístico da provincia, suprimindo as humidades, mellorando a iluminación e a electricidade, mellorando os xardíns e a sala de actividades, cortando os seus eucaliptos e implantando visitas teatralizadas con Dona Urraca”, sinalou a Presidenta. Ademais, na liña de axudas turísticas, tres achegas por importe de preto de 23.000 € permitiron a promoción da Festa da Lamprea ou o Corpus de Ponteareas, entre outras.