A Xunta organiza un obradoiro dual conxunto para Ponteareas e As Neves

Un dos obradoiros estará dedicado á xardinería Un dos obradoiros estará dedicado á xardinería

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, destacou esta mañá que os concellos de Ponteareas e As Neves contarán, en 2018-2019, cun obradoiros de emprego conxunto, para impulsar a empregabilidade de 20 persoas desta área. Segundo Cores Tourís, o Goberno galego destina un 25% máis que no período anterior a este tipo de iniciativas.

A nivel provincial, "estamos a falar de 18 obradoiros duais nos que participarán 360 alumnos, cun investimento global por parte da Consellería de Economía, Emprego e Industria de case 5,2 millóns de euros" asegurou o delegado territorial en Pontevedra.

O obradoiro conxunto de Ponteareas e As Neves, denominado «Coidar de Nós», contará con 20 alumnos e unha aportación da administración autonómica de 288.807 euros. Estará centrado en Atención sociosanitaria de persoas dependentes no domicilio e atención nas propias institucións sociais e en Xardinería, polo que os alumnos levarán a cabo prácticas a través das cales executaranse proxectos de Rehabilitación e mantenemento nos espazos verdes municipais.

A principal novidade desta nova modalidade é que os participantes poderán combinar un contrato de formación e aprendizaxe durante nove meses, cun contrato en prácticas de alomentos tres meses máis nunha empresa emprazada no mesmo ámbito territorial e cunha actividade vinculada ás materias do obradoiro: “Trátase de combinar formación e aprendizaxe coa oportunidade dunha experiencia laboral”, explicou Cores Tourís. O obxectivo é seguir mellorando o emprego nos concellos galegos, especialmente os do rural, adaptando a oferta formativa ás súas demandas e necesidades de contratación.

Os obradoiros duais forman parte do compromiso da Xunta coa formación, xa que, segundo o delegado territorial, esta é a chave que pode abrir as portas a un futuro de oportunidades laborais. Así, o Goberno galego inviste este ano 135 millóns de euros en medidas centradas na orientación e na cualificación para favorecer o acceso dos galegos e galegas ao mercado laboral, con cursos que se adapten aos novos perfís profesionais e ás demandas e necesidades reais do tecido empresarial.

“Con estes obradoiros cumprimos un dobre obxectivo: obter unha maior empregabilidade dos nosos desempregados e facilitar a recuperación do patrimonio cultural e paisaxístico”, engadiu José Manuel Cores Tourís.

O delegado territorial destacou a importancia da colaboración institucional para contar cunha Comunidade máis competitiva e con máis capacidade para crear riqueza e insistiu en que o mellor exemplo son os Concellos emprendedores. Unha iniciativa paralela á Lei de implantación empresarial na que a administración autonómica e local colaboran para facilitar a tramitación administrativa, o acceso ao solo e para ofrecer unha mellor fiscalidade. Neste senso, na comarca do Salnés destaca o concello de Cambados.

Os concellos adheridos obteñen prioridade nas axudas da Xunta destinadas a fomentar o emprego de calidade e a apoiar o emprendemento innovador, como o caso dos obradoiros de emprego.