A Deputación achega a Nigrán e Salceda preto de 424.000 euros

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra vén de aprobar tres novas achegas para os concellos de Nigrán e Salceda de Caselas, dentro da Liña 1 do «Plan Concellos 2018». Estes investimentos, que supoñen preto de 424.000 euros destinanse ao acondicionamento, mellora e reforma de espazos, servizos e vías públicas nestes dous concellos.

O concello de Nigrán recibe por parte da Deputación, dúas achegas cun valor de 300.613,10 euros. Concretamente, a institución provincial achega 101.626,25 euros para o acondicionamento de beirarrúas no entorno do pavillón polideportivo de Nigrán; e outros 198.986,85 euros para a ampliación da rede de saneamento en Lagoíña, Labrego, Xestal e Palomar. O Goberno de Carmela Silva xa destinou a Nigrán 801.870,94 euros do Plan Concellos 2018, o que supón o 46,9%.

Doutra banda, a institución provincial achega 123.769,33 euros ao concello de Salceda de Caselas para a humanización das rúas Compostela, parte de Rafael Tilve Adrio e rúa da Coruña, Fase II rúa Compostela. Con esta achega, Salceda de Caselas xa ten recibido 547.772,71 euros do Plan Concellos 2018, é dicir, o 48,8%.

Este ano a Deputación de Pontevedra pon a disposición dos concellos da provincia, no marco da liña 1 do Plan Concellos, case 60 millóns de euros, distribuídos entre 28.501.200 € do Plan 2018 e o adianto de 30 millóns de euros da liña 1 do Plan 2019.